Ecuanimidade
A demais de coa constitución das Cortes e con todo o lío aparellado da suspensión de catro deputados e un senador democraticamente elixidos e de toda a movida relacionada coas diferentes eleccións de hoxe, a semana comezou coa noticia da entrega, en Kubuleti (Xeorxia), dos galardóns da Federación Internacional de Halterofilia ás mellores levantadora e levantador de pesas do mundo en 2018. Por segundo ano consecutivo, obtiveron o acreditativo trofeo Jenö Boskovics Lifter of the Year a española Lidia Valentín e o xeorxiano Lasha Talakhadze. Ao día seguinte da entrega, a halterófila leonesa colgou un tuit no que manifestaba estar “muy feliz por el premio que me entregaron ayer pero a la vez entristecida, porque el premio masculino obtuvo un reconocimiento económico, que yo no tuve… en fin… algo no va bien”. O texto xerou malestar nos organismos rectores dese deporte e axiña a Federación Española de Halterofilia desmentiu que a desigualdade dos premios fose certa, dado que estes non levaban aparellada contía económica ningunha. Ao tempo, manifestaba que a Federación Internacional esixira unha rectificación das declaracións por parte da deportista. Nese sentido, Lidia Valentín publicou un novo tuit aclarando que a súa queixa non ía “dirigida a la @iwfnet, ya que no son responsables de la entrega del premio, y sí a la organización del evento. Pero seguiremos trabajando para que en este tipo de reconocimientos se trate a todos por igual”. Segundo parece o diñeiro percibido polo halterófilo non lle foi entregado na gala senón nun acto posterior e procedía dos patrocinadores. Sexa como for, certo é que a parte masculina saíu mellor parada.
E se iso acontecía en Europa, no Campionato de Asturias de squash foron as vencedoras as que recibiron un obsequio que non se entregou aos xogadores. Se o feito en si xa non era equitativo converteuse en noticia dadas as características do contido do regalo: un vibrador, unhas bandas depilatorias e unha lima para os pés. Deixando de lado o vibrador, dicir que hoxe hai infinidade de rapaces que se depilan e que fan pedicura polo que a súa exclusión foi un acto discriminatorio. Sexista? Posiblemente, por moito que o negue a organización.
En todo caso, que lonxe estamos de que se faga realidade a igualdade que Rosalía de Castro reclamaba no seu “Lieders” (1858): “no acato los mandatos de mis iguales y creo que su hechura es igual a mi hechura, y que su carne es igual a mi carne”.
