Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

25 de abril sempre, fascismo nunca máis!

Estas, que dan título a estas liñas, foron as “palavras de ordem” –consignas, eslóganes, lemas, dicimos por aquí–, que se gritaron insistentemente no desfile da liberdade celebrado o pasado mércores no Porto para conmemorar os 44 anos da Revolução dos Cravos, que puxo fin ao réxime ditatorial do Estado Novo que oprimira o pobo portugués desde 1933. 
Foi este un dos acontecementos históricos que máis me conmoveu e me seguirá conmovendo de por vida. Por varias razóns. Unha delas, sen dúbida, é que no momento en que se produciu a intervención do Movimento das Forças Armadas estaba pendente de reincorporarme ao exército para realizar os catro meses de prácticas como sarxento eventual de complemento –de feito incorporaríame ese mesmo ano 74– e para min era impensable que puidese acontecer aquí algo similar ao que estaba acontecendo en Portugal. 
Que ambas as ditaduras eran de ideoloxía fascista ou fascistizante era máis que evidente, mais había unha diferenza importante: Salazar e Caetano eran ditadores civís e Franco era militar. Ademais de culto, de Ave Caesar. O triunfo daquela revolución incruenta, de militares con flores en vez de con balas, xerou grande alegría e grandes expectativas e non só no propio Portugal. Mais, desgrazadamente e como é sabido, a alegría dura pouco na casa do pobre e, como non quere a cousa, apareceu –e, o que é peor, segue estando presente– o tío Paco coas rebaixas, en forma de retroceso nas conquistas e avances sociais conseguidos, o soño foi esmorecendo e o que podería ter sido nunca foi.
Non obstante, os portugueses todos conseguiron botar abaixo o seu ditatorial réxime e nós, mírese por onde se mire e dígase o que se diga, non. E ese matiz diferencial aínda se percibe hoxe, nótase un orgullo de vitoria que aquí non se ve nin se viu nunca por ningures.
Os anos de goberno da dereita –a mesma que a de aquí– case conseguiran acabar coas celebracións populares e oficiais do 25 de abril. O cambio de goberno foi mudando a situación e xa se volve ver presenza nas rúas con espírito do 74 mais con reivindicacións actuais de mellora das condicións de vida das clases traballadoras. E con ar festivo. Daba gusto ver, na noite do 24, moita xente nova, adolescente, cantando tanto as letras reggae ou hip hop do Bezegol como o “Grândola, Vila Morena” acompañando a Coral da Faculdade de Letras da Universidade do Porto.