REGRESO A PONTE SENANDE
A camiñada arrinca na ponte Forxá sobre o río dos Sete Muíños nunha pista de terra que vai dar ao lugar de Sesulfe e logo segue monte arriba, roldando os seiscentos metros, ata chegar a aldea de Senande, un lugar da parroquia de Guitiriz na comarca da Terra Chá, vinte casas vellas, quince veciños, seis homes, nove mulleres e ningún neno. Despois de dúas horas de andaina entre pinos, bidueiros, carballos, toxos, uces e xestas, chego a Ponte Senande un pontillón sobre o río aquí chamado das Escádebas.
Esta era a miña meta, penso que foi en 1948, máis ou menos, a ultima vez que estiven nesta mesma ponte co meu pai, nunha xornada de pesca. Desde entón, sesenta e cinco anos, toda unha vida de recordos e de nostalxias dun tempo que pasou tan axiña, ¡coma un lóstrego! Hai xa 24 anos que morreu meu moi querido pai e eu xa teño catro netas. A ponte que podería ter dous ou tres séculos, e non sei se me quedo curto, segue coma antano vendo pasar o tempo e a auga. A pesares das choivas e das neves dos invernos e do sol de xustiza dos vraus semella que por ela non pasan os anos.
A volta fágoa pola beira do río, augas e penas abaixo gozando das mesmas paisaxes de auga e de pedra que percorrín a carón do meu pai, hai preto de setenta anos cando todo estaba por facer na miña vida.
Baixo ledo e lixeiro, satisfeito pola promesa cumprida de volver á vella ponte onde, na miña cabeza e no meu corazón, tiña apuntada unha cita coa miña nenez. No recordo, aqueles felices tempos nos que todo era sinxelo arroupado pola calor e a tenrura dun pai que, como xa vos teño falado, era moito home de Dios.
Chegando a Guitiriz oio ao lonxe o son tristeiro da campá da vella igrexa de San Xoán de Lagostelle, son as sete do serán, a hora do luscofusco, e as súas badaladas chamando a morto fanme sentir unha presenza estraña e un calafrío que me fai apurar o paso na procura do meu coche.
Xa na estrada, camiño da casa, escoito na radio a fermosa canción de Mercedes Sosa: “Gracias a la vida , que me ha dado tanto...”.
