A LOITA CONTINÚA
Afolga xeral foi un éxito. Tamén compre destacar que foron o noso país e Euscadi as nacións do Estado onde o paro acadou maior amplitude, así como unha participación masiva nas manifestacións. Ademais esta protesta deixou varias ensinanzas das que todos debemos tomar nota. Que existise máis dunha convocatoria de manifestacións non restou participación, mesmo puido aumentala.
O sindicalismo nacionalista amosou músculo e ter unha enorme capacidade de convocatoria, malia certas manipulacións nos datos (como en Vigo) o certo é que superou ou cando menos igualou en participación ao sindicalismo de ámbito estatal (por máis que o poder e os seus medios prefiran ao sindicalismo pactista).
Asemade é evidente que están errados aqueles que entendían que a clase traballadora xa non era a referencia, buscando a vangarda en reducidos sectores das clases medias, non casualmente en ascenso durante o auxe da globalización neoliberal. E, ademais, aínda que o PP pretenda non sentirse afectado, o éxito da protesta así como a perda de votos en Andalucía e Asturias son datos moi malos que non pode ignorar, porque teñen efecto electoral.
En pouco tempo, malia o apoio da Comisión Europea e da CEOE, as duras medidas e retallos que se están a aplicar, a costa da maioría social, acadaron un alto nivel de contestación que irá a máis. Que isto último non se torza depende de que as centrais estatais manteñan á oposición á reforma, que non pacten, máis unha vez, unha aplicación da mesma con algunhas concesións.
Compre, polo tanto, que a loita continúe, con novas medidas de presión, para evitar males maiores para as clases populares. A CIG xa anunciou novas manifestacións o 12 de abril e seguramente non serán ás últimas. Que fará o sindicalismo estatal?... Esperemos que manteña a presión.
