PERSECUCIÓNS, DEMONIZACIÓNS, CRIMINALIZACIÓNS...
Non porque o digan as enquisas –que ás veces nos presentan resultados de dubidoso entendemento e credibilidade– é máis que evidente que no chamado Reino de España (Galicia incluída) o estado ó que se ten chegado en cuestións de corrupción e rapina –mesmo sen entrar a valorar os variados choriceos e corruptelas– é tremendamente preocupante. Mais as enquisas, ás veces, tamén o din. Así, na última enquisa do CIS, a que se fixo pública hai 3 ou 4 días, o problema da corrupción e da fraude ocupa o segundo lugar. Só aparece superado polo paro. Os resultados parecen lóxicos á vista de que España é o segundo país do mundo onde máis aumentou a percepción da corrupción, como conclúe un informe dunha ONG alemá, dado a coñecer tamén nesta semana recén acabada.
Infelizmente segue sen coñecerse moito do que habería que coñecer, do que o conxunto do pobo debería saber, da corrupción durante os anos da ditadura franquista. Nos momentos en que se estaba producindo ninguén ousaba pronunciarse sobre o asunto, nin sequera de difundir noticias que sobre el puidesen vir de fóra. Todo era un remanso de paz. E corrupción de usos indebidos de toda caste houbo a esgalla. O estado actual das cousas non é pois unha novidade surxida da nova situación política desenvolvida após a morte do ditador Franco. Non estamos perante un mal surxido a partir do establecemento do que coñecemos como democracia. Morto o can, morta a rabia (ou acabouse a rabia), di o noso refraneiro popular. Pero en España morreu o can e a rabia non acabou. A célebre transición, levada adiante por xentes do réxime ditatorial franquista, continuou cos seus métodos de sempre. E moitas das xentes de diferentes signos que se foron facendo con parcelas de poder, lonxe de corrixir as prácticas noxentas fixéronas súas. E, por ignoracia e/ou falta de rodaxe realizáronas de xeito máis notorio. Con aires de novos ricos. Agora, nunha situación pouco menos que insoportable, falan de acabar con ela. Curiosamente, din que o van facer aqueles que dalgún xeito, por acción ou por omisión, estiveron en contacto con esas prácticas. Menos lobos, Carapuchiña!, temos necesariamente que pensar e dicirlles. Todo está do revés, pero o presidente Rajoy manifestou que non lle parece oportuno falar da reforma da Constitución no acto solemne de celebración do trixésimo sexto aniversario da promulgación da mesma. Na información gráfica do evento, por certo, puidemos ver en primeira fila e ben achegado ós mandamais, con cara de felicidade extrema, cal “pequeño Nicolás”, ó señor Núñez Feijoo.
Exemplo notorio de que todo está patas para arriba, é todo o que se está dicindo sobre as actividades profesionais de Íñigo Errejón, un dos líderes de Podemos. É sabido, e se non conviría sabelo, que este señor é doutor en Ciencias Políticas pola Universidade Complutense de Madrid. A súa tese de doutoramento (defendida en 2012) versou sobre a loita pola hexemonía durante o primeiro goberno do MAS (“Movimiento al Socialismo”) en Bolivia. Un “traballo potente”, segundo lle escoitei hai uns días ó amigo e colega Tito Fernández Prieto, que, como catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Compostela que é, algo deberá saber deses temas. O groso da investigación, como parece caer de caixón, é imposible facela sentado nun despacho. E, polo que eu vexo, o fundamental –por non dicir toda– da investigación realizada polo doutor Errejón móvese nesa liña. Non é traballo de gabinete. E por iso, que me indignou ver xentes de aquí e acolá soltando barbaridades de todo tipo sobre o comportamento profesional do señor Errejón. Citarei, por altamente sorprendente, a da señora Susana Díaz, na que, de primeiras, manifestou que se lle reclamaría todo o diñeiro que supostamente cobrara indebidamente. Que saibamos, a licenciada Díaz non é –non podería selo, porque non é doutora nin catedrática de Universidade– reitora da Universidade de Málaga, que ten que ser a encargada de velar polo cumprimento das persoas nos traballos que dependen dela. Debe ser que á presidenta de Andalucía non lle chega con reclamar os millóns dos presuntos ERE indebidos. Que iso si que parece delicto. Menos demonizacións e criminalizacións. E conste que politicamente estou moi, moi lonxe de Podemos.
