Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

UNHA XUNTA EXEMPLAR E SACRIFICADA

A declaración de bens dos cargos políticos nas institucións semella máis unha brincadeira que unha certificación de honestidade, polo que choca a lectura que fan algúns medios de comunicación dos datos. Hainos que consideran o máis de medio millón de euros que posúe o presidente da Xunta como unha cifra normal; como se todo o mundo tivese dúas casas, dúas fincas, un coche e 109.000 euros a prazo fixo, 75 accións de Telefónica e un plano privado de pensións. Un esforzado traballador.... Resulta evidente que as propiedades teñen un valor catastral por debaixo do prezo de mercado. Ademais ¿quen pode dar crédito ás declaracións, cando se sabe que a corrupción emprega intermediarios, contas B e depósitos nun paraíso fiscal? Abonda con analizar un chisco os procesos xudiciais abertos. Ninguén é tan parvo como para se autoincriminar na declaración da renda e deixar por escrito un sospeitoso enriquecemento. Os que rouban cartos, ben sexa nunha empresa privada ou na administración pública, teñen éxito se non aparentan ser ladróns, corruptos, ou defraudadores. Se ás persoas a simple vista se lles albiscaran as tendencias antisociais sería moi difícil que puideran practicalas. É bo que se fagan as declaracións de patrimonio, mais deben ir acompañadas doutras medidas, como, que ademais as realicen os familiares de cargos con responsabilidades de Goberno que consigan subvencións ou contratos públicos, e que as declaracións inclúan algún tipo de constatación de contas e patrimonio no exterior. Todos sabemos que hai métodos para agochar os ingresos fraudulentos e os impagos ao fisco, como se comproba no caso Bárcenas. Mais, estas medidas poñenllo máis difícil aos que fan da política unha profesión para o enriquecemento e o poder ilimitado sempre funcional aos poderosos. Semella que con esta medida a Xunta quérese afastar da mancha de corrupción que atinxe ao PP, e desviar a atención dos problemas que esmagan a vida cotiá da xente. Lembremos: desemprego, rebaixa de salarios e servizos públicos, emigración, destrución do tecido produtivo, dique flotante de Ferrol, perda do aforro, preferentes, lingua galega, soberanía...