Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

O Foro que anualmente convoca a Asociación Encrucillada encarou este ano un tema social que require boa disposición e non pouca capacidade. Entre as moitas alarmas encendidas reclamando axuda está o da urxente necesidade social de encontrar sen demora un camiño de diálogo entre as distintas organizacións relixiosas espalladas polo mundo enteiro. Quizáis non sexa aventurado afirmar que, analizando ben as situacións conflitivas actuais no mundo, a ningunha delas lle faltan influencias de carácter relixioso, como se pode ver en calquera dos conflitos de Oriente.

Pensemos nos enfrontamentos en Siria, ou no permanente problema entre Palestina e Israel, e tamén no continente africano, onde a guerra e a morte de miles de persoas parece ser a única saída ás confrontacións que historicamente veñen padecendo. Confrontacións que nacen de engadir fanatismos relixiosos á incapacidade de moitos líderes endeusados, amantes do poder, pero cegos e guías de cegos.

O Foro de Encrucillada non estivo estritamente orientado aos conflitos político-relixiosos, causantes de tantos desastres humanos –non é esta a súa función–, senón que pretendeu afondar nas causas dos mesmos. Tratou de buscar e preparar pautas que favorezan o encontro do necesario diálogo entre a ciencia e a relixión, tan urxente entre nós actualmente.

O terreo semella estar agora mellor preparado. Xa comeza a facerse posible. Desde a chegada da Modernidade no s. XVIII, a maridaxe que viña funcionando entre o emperador Constantino, poder político, e a Igrexa Católica, poder relixioso, comezou a perder forza, cuestionado non só polas correntes laicistas, senón incluso por moitos cristiáns que aceptaban a Ilustración e, despois do Concilio Vaticano II, polos chamados cristiáns de base dentro da mesma Igrexa. Agora, o que nos debería mover a “todos” os que sentimos as desgrazas de tanta xente inocente que ten que morrer por esta causa é pensar no que podemos facer para evitalo. ¿Que facer? Continuará. Entre todos.