DON RICARDO CARVALHO CALERO
En tres días, este próximo mércores, o primeiro da recén inaugurada primavera, cumpriránse vintecinco anos do falecemento do profesor Carvalho Calero, unha das figuras más relevantes do mundo cultural galego nadas neste noso Ferrol, mírese por onde se mire, cada día máis desnortado e decadente. Do Ferrol deprimido dos comezos do século XX, pagando as consecuencias do final do desastre colonial decimonónico (“Más se perdió en la guerra de Cuba”, aínda se di hoxe para referirse a importantes perdas), fálase na novela Días turbulentos de Ángel Oliver, novela finalista do premio Nadal de 1954. E traio aquí esta obra e esta autor porque cando, nesta mesma columna, hai quince días recordaba os nomes de dous escritores e dunha escritora ferrolás que foran finalistas deste prestixioso premio esqueceume citar este outro paisano noso que, segundo manifestaba cando obtivo o galardón, contaba “la vida de un señorito de pueblo que navega por todas las esferas sociales”. Informoume dese despiste –e iso que teño a primeira edición da novela e que recordo tela lido hai tempo–, que hoxe quero corrixir, o meu querido amigo de case seis décadas Vicente Araguas, quen, no seu día, entrevistou o autor para este noso xornal. Detalle que tamén lembro. E falando de narrativa e volvendo a don Ricardo, se cadra non estaría de máis recordar, que o ilustre catedrático na lonxeva Universidade de Compostela, poucos anos antes, concretamente o 22 de abril de 1950, gañara, con A Xente da Barreira, o primeiro concurso de novela de asunto galego convocado pola Editorial dos Bibliófilos Gallegos. Nesa altura residía en Ferrol, impartindo docencia aquí e acolá, onde se arriscaban a contratalo, dado que estaba inhabilitado para ocupar postos de carácter oficial. Compre dicir que A xente da Barreira, foi a única das sete novelas finalista que se presentara redactada en idioma galego e que o poliédrico xurado, presidido por Ramón Cabanillas e formado ademais por Ramón Otero Pedrayo, Francisco Fernández del Riego, José Guerra Campos, Francisco Serrano Castilla e Raimundo García Domínguez “Borobó”, declarouna gañadora con catro votos a favor, un en contra e unha abstención. Segundo se le no albaroque, acabouse de imprentar “o día 7 de xaneiro de 1951, festa de San Xulián, padroeiro de Ferrol”, indicación que, penso que non é moito aventurar, debeu ser recomendación do propio autor. A súa posta á venda inauguraba a narrativa galega de posguerra. Non é, nin de lonxe, o mellor que nos ten legado o creador Carvalho Calero, mais é un fito que aí vai quedar de xeito perenne como iniciador dunha andadura.
Os asuntos que trata nada teñen que ver coa nosa e a súa cidade, pero si encontramos exemplos abondos de presenza de Ferrol noutras obras súas. Nestes días estáselle a dar moito bombo á descuberta duns posibles restos de Cervantes -que nunca se saberá se son ou non son- buscados principalmente co ánimo de gañar turismo cultural en Madrid. Non é mala cousa, aínda que non estou moi seguro do bo emprego de tanto carto para tan pequenos logros. Vexo excesivo protagonismo e afán de ficar para a posteridade. Mais... Salvando as distancias, e, por suposto, cun mínimo investimento, creo que o establecemento dalgún tipo de roteiros dedicados a recoñecer e divulgar os valores dun grupiño de escritores que aquí naceron ou desenvolveron toda ou parte da súa actividade literaria non sería mala cousa. Mais ben todo o contrario. Don Ricardo morreu, como xa dixen e é máis que sabido, hai vintecinco anos, un bonito número e unha cifra redonda para conmemoracións de todo tipo. Penso, como tanta outra xente, que a Academia Galega volve ter unha magnífica ocasión para non deixar pasar este ano sen o honrar debidamente dedicándolle o Día das Letras Galegas.
