Posibilidades
Algúns cerebros privilexiados –que disfrutan de privilexios– xustifican a crise dicindo que “a xente vivía por enriba das súas posibilidades”, nun torpe intento de botarlle as culpas aos máis inocentes.
Eu coido que, ninguén vive por enriba das súas posibilidades, a menos que “alguén” os engane, facéndolles crer nunhas posibilidades que no existen.
Mais non é o caso de quen merca un piso porque o convenceron de que pode facelo, pagando só un pouco máis do que paga de aluguer.
Esa persoa pide os cartos a un banco, que llos empresta xa que hai unhas “posibilidades”. Faise a compravenda e o novo propietario comeza a disfrutar dunha vivenda ao alcance das súas posibilidades, ata que, de súpeto, “outro alguén” encárgase de destruír esas posibilidades.
E o infeliz propietario atópase na rúa, sen cartos, sen piso, sen traballo e o que é aínda peor, sen posibilidades. E agora si terá que vivir por enriba das súas posibilidades, xa que non ten ningunha.
