GRACIAS POR TANTO, BIBLIOTECARIO
A Manuel Pérez Grueiro
Non é fácil, falar, opinar, escribir sobre a traxectoria laboral ou sobre a vida dun amigo. Un amigo que a pesares de ser merecente de eloxios e aplausos, el humildemente di que cumpriu co seu deber.
Porque o coñezo dende hai ben anos sei que cumpriu coa labor que tiña encomendanda, e para ben da Cultura con moito máis. Quen con el tratou, que fumos milleiros, veciños, políticos, xente da cultura e do ensino, libreiros, editores, peregrinos, etc, sabemos do seu bo facer, da súa continua preocupación para que as actividades a el encomendadas non tiveran fallos, ou tiveran os menos posibles.
A gran maioría das ideas por el trasladadas aos responsabeis políticos das diferentes corporacións municipais foron case sempre aprobadas e levadas á realidade. A maioría dos concellais de cultura fomos seus compañeiros de viaxe. Non pensen vostedes que o cabaleiro amigo do que falo finou (longa vida), está ben vivo e coleando. Pasa que, a persoa á que me refiro chegoulle a hora da xubilación e con xúbilo vai comezar unha nova etapa da súa vida.
Con maís tranquilidade e máis tempo para ler, escribir, coñecer mundo, facer deporte, as cousas que lle gustan, porque o de “xubilado-parado-inactivo” para el son palabras tabú, que non deberan vir nas enciclopedias. Home activo e comprometido dende a súa xuventude.
“Coido, cando me xubilen / do traballo cotián / comigo non poderán / eu non o vou consentir / e quero, abofé seguir / e continuar a facer (con máis tempo) / o que me deixe pracer”.
Coñecín a Manuel Pérez Grueiro xa antes de ser eu elexido edil do concello de Neda, na corporación de 1983, primeiro como concelleiro de biblioteca e máis tarde de biblioteca e cultura, sendo el responsable da Biblioteca Pública do concello. Xa choveu dende entón.
Traballamos xuntos e sempre con respecto soubemos entendernos e como amigos levamos adiante bonitos proxectos que para ser nun pequeno concello foron exemplo a seguir por outros con máis capacidade económica. Tempos aqueles, como sempre di o meu amigo Mesindo. Pérez Grueiro foi e seguirá sendo traballador activo e incansable a prol da CULTURA con maiúsculas. Dende a túa xubilación, amigo Manuel, sei que sacarás tempo do teu ben merecido descanso para seguir traballando por Neda e pola cultura en xeral.
Sei que coa súa ansia, bo facer e sabedoría seguirá animando á lectura, e como non, levando a dirección da Revista Anuario de Neda. Colaborando coa Biblioteca, Casa da Cultura, Sociedades Culturais e Veciñais e cos amigos, que somos moitos.
Na súa permanencia como encargado responsable da Biblioteca, Grueiro, como é máis coñecido, sen escatimar tempo, esforzos e paciencia atendía a cantas persoas buscaban un autor, un libro, información ou consello, conseguindo que centos de nenos hoxe adultos e de adultos hoxe avós namoráramos da lectura e da cultura en xeral.
Sentiremos a túa marcha (xa a estamos a sentir), pero ese sentimento queda atenuado sabendo que segues con nós, traballando con nós e disfrutando desa ben merecida xubilación, que non retiro.
Calorosos aplausos de cariño e agradecemento, coa Corporación Municipal presente, empleados do concello, entidades asociativas, culturais e deportivas, mestres e alumnos e numeroso público en xeral quixeron estar con el nun emotivo acto de despedida con motivo da súa despedida laboral.
Acto homenaxe que ao homenaxeado pillou de sorpresa e emocionou, séndolle difícil pronunciar unhas palabras de agradecemento –el tan elocuente en palabras e bo orador– despois de que o actual alcalde Ignacio Cabezón e o anterior Carlos Pita, así como varias persoas do público trasladáronlle ramalletes de palabras de simpatía e recoñecemento pola súa capacidade e bo facer na Biblioteca Municipal do concello de Neda, e tanto máis. Léronse tamén cartas de adhesión e mensaxes de amigos que, aínda que gustarían estar presentes, por diferentes motivos foilles imposible. Longa e pracenteira vida, amigo Manuel. Gracias por tanto, BIBLIOTECARIO.
