Camiñando a 3.000 metros
Comenteilles a semana pasada da miña intención, se houbese oportunidade, de facer camiño por enriba dos tres mil metros fuxindo un pouco destas tórridas temperaturas as que estamos sometidos aqueles que pasamos unha tempada polas terras do sur gozando de todo o que se nos ofrece por aquí, incluso destes 39º de calor seco que son máis asumíbles cos 28º húmidos da nosa terra. Neste contexto presentouse a ocasión de subir ata as estribacións do pico Veleta, na Serra Nevada, guiados por Miguel, biólogo que fixo a súa téses doutoral sobre un tipo de “saltamontes” autóctono que so se atopa nestas alturas. Había que saír moi cedo, así que ás sete e media xa estabamos no coche camiño da estación de Pradollano dende a que emprenderíamos o noso camiño. Non trouxen ropa axeitada para camiñar en altura e xa que logo houbo que trocar un pouco o itinerario, prescindindo do Veleta e facer camiño polas súas inmediacións na procura da lagoa das “Yeguas” que está no linde dos tres mil metros. Confeso que ao inicio da andaina pasei frío, pero na medida na que facíamos camiño foise disipando. A visión do día era esplendorosa con algunhas nubes de evolución que formaban un mar aló abaixo que pouco a pouco fose disipando para deixar nidia a estampa de Granada que dende aquela altura semellaba un pobo pequerrecho. O sendeiro polo que íamos, sempre subindo, non era de especial dificultade, pero si notabamos a pouco de acelerar o paso un certo atranco á hora de respirar pola pouca costume de camiñar tan alto, así que a recomendación era tomar a cousa con calma e deterse de vez en cando a facer fotos e de paso coller folgos. Cando chegamos á aludida lagoa semellaba que estabamos noutro mundo: silenzo absoluto ( tan cedo, aínda non chegaran outros excursionistas), as augas nidias e varios neveiros salpicando a ladeira da montaña, daban ao entorno un aspecto incríble. A lagoa das “Yeguas” ten unha fermosa lenda de encantamentos moi propios da imaxinación popular que sería longo relatar aquí ahora. Sentados nunha grande lasca estivemos un tempo contemplando aquela marabilla namentres repoñíamos forzas ata que decidimos seguir un pouco máis adiante onde atopamos otra pequena lagoa producida polo desxeo dun enorme bloque de neve dura que a xeito de iceberg formaba unha paisaxe máis propia do Ártico que dun lugar de Granada. O regreso, parte polo camiño andado e parte por outra senda, levounos ao refuxio de onde partíramos. Denantes fixemos fotos de plantas autoctonas e dunha bolboreta propia destas latitudes o mesmo que dun insecto tamén exclusivo destes lares. Sentados namentres tomabamos un refrixerio, comprobamos no GPS de Miguel que camiñáramos un pouco máis de quince quilómetros. Misión cumprida. En pouco máis de tres cuartos de hora regresamos dun pisaxe nevado aos 38º que marcaban os termómetros na cidade. Granada xunto con Cádiz son as provincias onde o índice do paro é maior. O goberno saca peito polos datos do INE respecto ao desemprego, pero por aquí din que é normal que nestas datas melloren os números pola gran incidencia turística que proporciona contratos temporais na hostalería, pero non cren que a reforma laboral teña que ver coa creación de emprego. Hai xente polas rúas pedindo comida, novos e non tan novos, e isto é un mal síntoma. Estivemos unhas horas aló no alto na serra, nun mundo que semellaba idílico, pero axiña baixamos á crúa realidade, a unha realidade de esaxerada desigualdade social á que hai que poñer axiña remedio para que a beleza dos lugares teña correspondecia coa felicidade da xente.
