ROSALÍA CO NAVAL
Moi adecuada a referencia que fixo a escritora Medos Romero á figura de Rosalía de Castro na lectura do manifesto co que remataba a masiva manifestación do domingo en defensa do sector naval. Non só porque o 24 conmemorábase o 176 aniversario do nacemento da nosa poeta nacional, senón porque na obra de Rosalía atopamos unha denuncia constante da inxustiza social e o desleixo e a explotación que a nosa nación, na altura, recibía do poder central. Infelizmente, as denuncias de Rosalía seguen a estar plenamente vixentes, porque tamén agora estamos a padecer políticas agresivas dirixidas a castigar os nosos principais sectores produtivos: o agro, a gandería, a pesca e o marisqueo, a enerxía e un naval que agoniza desde hai anos. Ferrolterra expresou máis unha vez o seu apoio á industria naval e reclamou unha carga de traballo que só existe nas mentiras do ministro Montoro. A voz de Rosalía sumouse ao clamor cidadán.
