Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Estiven en Neda nas Xornadas Literarias, este ano a prol de Bob Dylan. Eu non sei se se decatan da forza que ten este concello pequeno, pero non matón e si aberto ao mundo, que xa hai anos dera que falar, e moito, na esfera cultural irlandesa ao congregar un bo mangado de especialistas en James Joyce. E iso desde unhas limitacións evidentes.

Ah, mais Neda ten en Cultura un funcionario competente que das pedras fai pan. Manolo Pérez Grueiro (non te esquezo, Coppi, marabilla), agora da man da concelleira Eva Olmo, que escribe as cartas da cultura desde o seu muíño, como Alphonse Daudet. Así que este ano foi en Neda para Bob Dylan, no primeiro congreso que se lle adica nestes ámbitos. Coa mesma afouteza coa que Dylan pasou do folk ao rock, do que viña, por certo, e a meu amigo Gradaílle íanselle os pés na Casa das Palmeiras cando Ignacio Freijomil ilustraba a su exposición con “Like A Rolling Stone”.

E disimularán que non poña os nomes dos poñentes, dylanitas, todos, porque sería chantar cancelas nun campo aberto. Tanto como as cancións de amor de Bob Dylan. Ah, “l’amour”. Ese que aniña, tamén, nos peitos rexios. Cal o dun monarca, a quen vexo desde o meu republicanismo teimoso, vencido pola tristura. Mais quen aínda de musitar aos seus anos: “Teño un paxarolo que canta/ Teño un paxaro que canta/ Pero se non teño a Corrina/ A vida non vale un pataco.” Con Bob Dylan, naturalmente.