Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Universidades e carácter subalterno

ara todo existe un ránquing, e unha ou máis entidades que o realizan. Non son dos que lle dan moito valor, máxime cando o contexto é moi distinto. Estes días algúns medios publicaban algunhas das conclusións do realizado pola “Fundación Conocimiento y Desarrollo” respecto do rendemento das universidades do Estado español. En relación coas tres do noso país destacaban que estaban ben colocadas en todo o referente á ciencia, mais que facían augas respecto da internacionalización e contribución ao desenvolvemento “rexional”. 
Ante todo, chama a atención que se empregue para definir a nacionalidade (nación) galega a terminoloxía pre-estatutaria. Máxime cando nun mundo globalizado este termo empregase en referencia, por exemplo ao Oriente Próximo, ou unha parte determinada dalgún dos continentes. Porén, indo ao miolo da cuestión. O ránquing coloca ás universidades galegas entre as últimas en: prácticas en empresas do territorio, publicacións “rexionais” e con empresas do tecido produtivo galego. Sen dúbida este é un aspecto preocupante, mais non unha novidade, xa que amosa o carácter subalterno tanto da economía, como dos partidos políticos maioritarios, e da produción no ámbito do coñecemento. Ou sexa, non é unha casualidade, reflicte a dependencia e o papel secundario do noso país na cadea de valor no senso máis amplo do termo. 
É un dado positivo que as nosas universidades estean ben colocadas no ránquig de ciencias, porque axuda no ámbito do desenvolvemento material, especialmente nas empresas galegas relacionadas coa produción e os servizos. Porén, non se pode esquecer que unha boa parte destes estudantes emigran, ou sexa: súmanse á exportación do aforro, á repatriación de beneficios das empresas de capital foráneo, e á deslocalización empresarial. A Universidade está integrada na dependencia. 
A universidade galega debería ser un dos piares do desenvolvemento, da análise da realidade e de proxectos rupturistas e transformadores no económico, social e cultural (con obxectivos e folla de ruta definidos). Este estudo di que non é así, que nas nosas universidades o relativo ao país non é prioritario, en comparación con outras autonomías e nacionalidades do Estado español. En fin, amosaría que os procesos de alienación, a cuestión colonial, como sempre, encetan pola cabeza. Non é un problema menor, porque recrea o atraso. Existen significadas excepcións, porén estas non mudan a tendencia. Que din sobre isto as organizacións sindicais e estudantís, e os partidos políticos...?