Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Como non todo vai ser fútbol, abonda xa de tanto falar dos Messi, Ronaldo, Florentino, Zidane e compaña, cos seus millóns de euros que é a súa unidade de medida, aquí estou diante da TV, desfrutando coa 12ª etapa do Tour de Francia. Deporte en estado puro, para o meu gusto un dos máis sobranceiros acontecementos deportivos do mundo. Tódolos anos sigo con moito interese este gran duelo de titáns, onde os tamén chamados esforzados da ruta, teñen que aturar, vento, sol, choivas, saraibas e aínda neves xunto con baixadas a tumba aberta, escaladas imposibles, caídas, páxaras e a fatiga consecuencia de etapas diarias de case trescentos quilómetros, que todo isto leva consigo o que os orgullosos franceses chaman Le Grande Boucle.
Moito teño desfrutado coas grandes fazañas dos nosos campións gañadores da gran ronda francesa. Todos eles homes de ferro sobre dúas rodas: Federico Martín Bahamontes, El Águila de Toledo en 1959. Luis Ocaña, El español de Mont Marsan en 1973. Pedro Delgado, Perico en 1988. Miguel Induraín, El Extraterrestre en 1991, 1992, 1993, 1994 y 1995. Oscar Pereiro, Cascarilla, un galego de Mos (Pontevedra), en 2006. Alberto Contador, El Pistolero en 2007. Carlos Sastre en 2008. Alberto Contador, de novo no ano 2009.
Contador, o pistoleiro, aínda na nómina dos máis grandes do pelotón internacional está a correr esta 104ª edición do Tour que ten un recorrido de 3540 Km dividido en 21 etapas. Moito está sufrindo nesta xeira o noso gran corredor, pero, xenio e figura, magoado despois de non sei cantas caídas, aí o tedes atacando nos últimos quilómetros. Finalmente a etapa de hoxe gañouna o francés Romain Bardet e o británico Chris Froome perdeu a camiseta amarela en favor do italiano Fabio Aru, dando un novo pulo á competición. En calquera caso aínda queda moito Tour cos Alpes e o mítico Galibier antes de chegar a París, e eu teño a ilusión e a esperanza de que Contador, recuperado dos seus males, nos sorprenda, bailando enriba da bicicleta, con algunha das súas grandes fazañas ás que nos ten tan afeitos. ¡Ánimo rapaz!
 ¡Vive le Tour e vive la France! e, ¡como non!, viva tamén a gran ronda española que comezará o 19 de agosto e constará de 21 etapas ata o 10 de setembro. Por riba teremos entre o 18 e o 20 dese mesmo mes as tres xornadas da volta a Galicia. Mágoa que ningunha delas chegue a Ferrol, ... nin sequera á provincia da Coruña.