Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mágoa sinto polos ricos
que tendo tanto diñeiro
sofren do mal da ambición.

Xa cumplidos os cen anos, o excelso sociólogo e escritor español Francisco Ayala dicía que non hai que perder de vista a vida nin un só instante.
A miña querida sogra con 98 cumpridos o día da Candelaria, quen traballou dende nena e que aínda hoxe non para, dentro do que pode claro, está sempre en movemento, facendo algo. A cabeza coma un reloxo dos que marcan ben a hora. Di que se se atopa ben é porque sempre traballou arreo, sen que a vida lle puxera medo a pesar de ter que pasar en tempos lonxanos, época de post-guerra, vicisitudes adversas das que con coraxe e moitos esforzos soubo e puido superar.
A vida é moi dura e nunca hai que desesperar, senón consumímonos antes e non logramos saír adiante. Ás veces hai que rebelarse e outras temos que moldearnos aos contratempos, sen agacharse xamais. Pero tamén, a vida, deixa momentos e tempos prolongados de felicidade, di.
Que máis vou pedir tendo unha familia unida que me quere e o corpo aínda terma de min. A señora Carmen sen ser sabia pero moi intelixente, foi madurando e avellando a un tempo, sen embargo, hai ou habemos moitos que imos a vellos sen sentar a cabeciña.
Certo, don Francisco Ayala, que non hai que perder de vista a vida nin un intre de tempo, pero tampouco hai que perder de vista a tanto canalla que rouba e dilapida o diñeiro dos contribuíntes.
Non, non hai que perdelos de vista nin cando van aos aseos. Non hai que perder de vista a aqueles falsos puritanos que onte dicían “ollo cos defraudadores das arcas do Estado” e hoxe contrariamente ao dito, se non levaron máis é porque non tiveron tempo.
Don Rodrigo Rato, por citar un dos que hoxe actúa de primeiro actor nesta nada desexada obra-drama teatral, que por desgracia, tantos cidadáns españois temos que ver con moita repugnancia e bágoas pingando polas meixelas.
Si, aquel oráculo todopoderoso superministro icono da economía director xerente do FMI Caja Madrid Bankia tarxetas black. Aquel humilde acólico que facía soar a campaíña e daba ordes aos gobernos.  A el, coma a tantos que a avaricia rompeu o saco, está de capa caída. Mágoa sinto polos ricos ambiciosos e polo partido político que o arroupou.
Que razón tiñas amigo Sidre, daquela cando me contabas que se houbera quen puxera a tempo a suficiente raticida contra “rato e rata”, hoxe a maioría dos españois non estaríamos pasando por semellantes acontecementos adversos, reveses aos que a moitos lles vai a vida. Supervivindo nun drama inmerecido e innecesario, pero real, por culpa daqueles que exercen no escenario da vida o papel de cabróns.
Evidente que estes canallas que teñen tanta ambición ao diñeiro e ao poder non teñen alma e o corazón é de pedra, de ferro oxidado ou de xeo, a cara dura pelexa de cabra.
A min, sinceramente, esa xente dame pena. Dura debe ser a vida para os que teñen tanto diñeiro que non darían gastado aínda que viviran cen vidas. Dicía Maruxa Torres, que a vida coma o café, cheira mellor do que sabe. Mais por mal que saiba sabe a pouco e aínda que non somos gatos nin Matusalén queremos vivir moito e ben. O de moito (anos) poida que sexa difícil, pero o de ben…, se os grandes magnates foran solidarios e os grandes ladróns roubaran menos ou nada, poderíase lograr.
A ambición polo poder poida sexa unha das drogas máis perxudicais do mundo, non só para a saúde do consumidor, senón tamén para aqueles que estén baixo o poder do poderoso.
Si amigo Sidre, España non sairá da crise mentres os políticos defendan os seus intereses e non o do pobo. Mentres prometan mentiras. Mentres se fagan reformas laborais que so beneficien ao gran capital. Mentres tanto a gran maioría de cidadáns non teñan posto de traballo estable cun salario digno para vivir.
Mentres milleiros de desempreados teñan que saír cara a emigración a producir para outros países. Mentres haxa abusadores do poder, canallas estafadores e ladróns de guante blanco e gobernantes que non poñan remedio.
Mentres non cambien as leis e os mecanismos xurídicos para que non teñan a mesma condena quen rouba un saco de patacas para comer, que quen un saco de billetes dos grandes para esconder en Suiza. Mentes sexamos tan inxenuos e deixemos que os ratos nos coman o que é noso. Ollo, que tan sequera non nos coman a lingua…
Para cando rúas de chocolate e caramelo, casas con tellado de nata e xanelas de marmelo. “Aguanta, sé fuerte Rodrigo”!!