FAKES
Ou trangalladas acompañadas de fraude ou pufo. Eis a palabra inglesa para, por exemplo, os poemas atribuidos a quen nunca, no seu san xuizo, terían non xa escrito, nin sequera pensado as barbaridades que poñen na súa boca. O malo é que xente lista, co seu aquel de pimpíns, acreditan en semellante cousa e fan que o choio rule por internet. Así a poesía (non ouso chamarlle poema) “de Borges” que me manda unha boa amiga, acompañada da voz de María Callas. De Borges rolan pola rede varios “fakes”, pero tamén de Pablo Neruda, outra das vítimas dos falsarios. Sonado fora o caso do “testamento” de García Márquez, cando se dixera de Don Gabo que estaba morrendo, e circulara por internet un horror atribuido ao colombiano no que se despedía da vida.
En realidade a milonga aquel afora escrita por un ventrilócuo mexicano para o seu boneco. O peor do caso foi que varios columnistas chegaron glosar o invento, falando do emocionante e conmovedor e bla bla bla que semellaba o presunto “testamento”. Os “fakes” estes son cousa tan vella como “La desesperación”, atribuida a Espronceda, sen máis fundamentos que a súa truculencia. Omitindo que o poeta de Almendralejo podía ser dunha delicadeza radical. Pregunteille un día a un político ferrolán, moi coñecido, polo seu poema favorito. Díxome que este, e recitou refitolero: “Me agradan las queridas tendidas en los lechos, sin chales en los pechos y flojo el cinturón…”. ¡Que barbaridade!
