Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Ovindeiro domingo hai eleccións en Grecia. Considéranse fundamentais para o futuro do país e asemade poden incidir nas regresivas políticas da Unión Europea. En calquera caso, por principio, a Comisión e o resto dos países que integran a UE deberan ser moi respectuosos co proceso e as decisións que tome o pobo grego.

Mais os feitos indican que non é así, que se quere condicionar o resultado das votacións mediante unha xeira de filtracións interesadas. Nomeadamente, fanse comentarios desde Bruxelas sobre que se está preparando un corralito para Grecia, que se están estudando controis ao capital, que se vai suspender o acordo Schengen, etc.

Como poden dar leccións de responsabilidade, os que despois exercen con tanta soberbia o poder

Resulta evidente que se quere asustar ao electorado, ameazando con atrancar a economía, para que se vote polos partidos que pactaron o memorando. Un pacto que fixo de Grecia un protectorado baixo o control da Troika. U-lo a democracia?

A Unión Europea naceu como un proxecto de integración ao servizo das grandes empresas, deixando nun segundo plano as cuestións laborais e sociais. Porén a UE sempre fixo gala de ter un avanzado nivel de benestar social e respectar os dereitos democráticos individuais, malia que ignoraba ou rexeitaba os colectivos, a non ser para alén das súas propias fronteiras.

Nas últimas décadas as eivas foron a máis, e a burocracia europea, e a ditadura dos mercados, foron gañando terreo sobre os dereitos individuais básicos. Lembremos a imposición de gobernos tecnócratas en Grecia e Italia, que nen sequera cumpriron a formalidade de pasar polas urnas. Agora, no colmo da prepotencia, utilízase a ameaza para condicionar o voto dos gregos.

Como poden dar leccións de responsabilidade, de austeridade, ou de honradez, os que despois exercen con tanta soberbia e despotismo o poder e non respectan que a vontade popular se exerza con total liberdade?