Globalización insostíbel e inxusta
Élóxico que vexamos na integración internacional dos pobos un avance, xa que debería permitir atender acaidamente graves problemas comúns, como son: a protección do ecosistema, evitar as guerras, reprimir o crime organizado, acelerar a transferencia de tecnoloxía, etc. Mais, a actual globalización neoliberal, malia que significa un pulo na mundialización, non permitiu avanzar nestes temas e mesmo agravou a situación, xa que se fixo cun carácter mercantilista, para aumentar os lucros dos grandes grupos económicos e o poder das potencias imperialistas.
A globalización acrecentou a concentración e centralización da riqueza, ou sexa: agrandou a fenda entre as clases sociais e entre países como nunca antes na historia da humanidade. Por se non fora abondo, para alén das boas intencións, o ecosistema está ao borde do desastre, e moitas materias primas de recursos enerxéticos ao límite das existencias. Tampouco foron a menos as guerras e a militarización, só que agora se privatizaron, facendo delas un novo negocio, así como do proceso de reconstrución.
A man de obra de reserva internacional pon todos os traballadores e traballadoras do mundo a competir en salarios e condicións laborais. Hoxe o exemplo é China, porén dentro de pouco Bangladesh, Exipto, India, Viet-Nam. Para as clases populares o futuro é de retroceso constante até que se igualen as condicións no estándar mundial. Só algúns países, con enormes recursos en materias primas, ou que están por debaixo neste aspecto, verán despois de grandes loitas sociais medrar algo salarios e prestacións, e non por moito tempo.
Din que é unha andaina inevitábel; non é certo. Procesos de mundialización hainos dende as etapas máis antigas da humanidade, o problema é quen os controla e con que finalidade. Por iso, no fundamental, hoxe este proceso castiga máis aos de abaixo e aos países máis débiles, como Galiza. En realidade, non se trata de illarse ou abrirse, senón do equilibrio entre ambos conceptos e do ritmo. O que se está facendo é un suicidio para a maioría na Europa Occidental, e a medio prazo para todo o mundo, porque dá pulo a un modelo insostíbel e inxusto.
