Aprender
Ler os xornais pode ser un exercicio moi instrutivo. O luns 19 lin no Diario de Ferrol unha nova que me deixou perplexo. Un grande titular dicía: “Feijóo asegura que si no se vota al PP, las minorías tendrán voz en Europa”. Por un intre pensei que o xornal estaba errado, pois non me entraba nos miolos que un alto cargo dun partido que se di democrático, puidese dicir tal cousa. Pero seguín lendo e máis adiante se explica que: “…si sus simpatizantes (del PP), no se movilizan, será clarísimo que las minorías tendrán voz en Europa”. Xa que logo, semella que non hai erro por parte do xornal ou do xornalista. Aquí hai algo que non encaixa, pensei, porque precisamente, eu tiña entendido que unha das virtudes da Democracia consiste en escoitar ás minorías. Entón resulta que, ou o presidente non é demócrata, ou eu estou equivocado, que será o máis probable. De socato lembrei aquilo de: “Está o vello morrendo e está aprendendo”. Pois xa aprendín algo máis. Si.
