Repetidor
A estas alturas Jesús Vázquez xa non debería de ser conselleiro de Educación. Polo menos 16 sentenzas xudiciais contrarias ás decisións tomadas no desempeño do cargo que ocupa son unha lousa demasiado pesada. Feijóo non pode esperar á súa dimisión, imponse o seu cesamento, o contrario é impoñer no posto a un perigo para o ensino neste país. Non é cuestión de simples irregularidades ou erros; o que subxace neste asunto é unha agresión directa á educación pública galega. Manter a este señor non é outra cousa que confirmar a política que dende o PP se quere desenvolver cara a un sector fundamental para a sociedade. Nomeamentos a dedo, apoio económico ilegal a colexios que separan por sexos ou o disparate do último concurso de traslados do profesorado, co dano que supón para os traballadores e a propia planificación dos centros, é boa mostra diso. Tocayo, non vai vostede a setembro, directamente repite curso.
