Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

PARABÉNS, AMIGO E CAMARADA

Cando un amigo de anos –máxime se é militante (e por riba abandeirado) das mesmas ideas sociais– acada unha distinción de calquera tipo é preciso celebralo. Independentemente do que un albisque que poida acontecer a partir dese momento. Hoxe é o primeiro día do resto da súa vida. Onte –como recollen tódolos medios de comunicación–, Xesús Alonso Montero resultou elixido novo presidente da Real Academia Galega, en substitución do voluntariamente dimitido Xosé Luís Méndez Ferrín. A votación, polo que escoitei e lin, foi moi parella e decidiuse en segunda volta co mesmo resultado, excluíndo, nesta, os votos por correo que só contabilizan na primeira das votacións. Visto o visto, e malia as declaracións de unidade a partir de onte mesmo, hai unha fractura que lle vai tocar recompoñer a meu bo amigo Alonso Montero. Agardo, espero e desexo que todo lle saia como o imaxinou cando decidiu contraer o compromiso de presidir a institución: “Vou para isto”. E ese isto é ó que me refiro. Xesús Alonso ten só oitenta e catro anos –case na metade do camiño dos oitenta e cinco–, e é forte como un buxo, ou se cadra máis. Non obstante, as novas obrigas que asumiu van limitalo –como recoñeceu tantas veces nestes días– para seguir realizando as tarefas centrais, tan importantes para a nosa cultura, que viña desenvolvendo con dedicación exclusiva: achegarnos libros. Libros como “Castelao na Unión Soviética en 1938”, que ten como subtítulo un tan suxerente como clarificador “Filocomunismo e prosovietismo de Castelao nos anos da Guerra Civil”, que se vai presentar na nosa Feira lo Libro mañá mesmo á oito da tarde no Cantón. Como na práctica totalidade da inxente obra do novo presidente da Real Academia Galega, a minuciosidade, a procura dos máis pequenos detalles que poidan botar luz sobre o tema, están aí, ben presentes. O acompañamento gráfico –mais que, nalgún caso, non saibamos ruso– demóstrao ás claras. A interpretación seria da historia ten que partir desas premisas. A interpretación dos feitos no ámbito de tódalas “ciencias” que alguén deu en chamar “humanas” xa é máis relativo. Tamén nas chamadas ciencias exactas dous máis dous son catro en base dez. ¿E noutra base? Mais o que hai é o que hai. Filocomunismo e prosovietismo de Castelao nos anos da Guerra Civil é o que hai, como demostra ben ás claras o libro do profesor Alonso. Hai unha foto moi coñecida de Castelao botando un discurso diante da estatua de Rosalía da Ferradura compostelá en que bota a man cara o ceo semellando erguer o puño. Non hai tal. A man nin está pechada. É un xesto de disertador ad hoc daquela altura. A divulgación –naturalmente interesada– desa imaxe mostra que cadaquén pode achegar a brasa á súa sardiña. Hai quen di –é o título dun artigo– que Castelao non é de todos. ¿Nunca acabei de entender por que ten que ser de alguén en concreto? ¿Quen isto escribiu, éo? De sempre, desde que tiven uso de razón, estiven convencido de que era de meu pai e miña mai. Logo, nin iso. Nin de todos nin de ninguén. ¿E de ter que ser...?, pois de todos. Entender que Castelao pertence ou pertenceu a alguén lévanos necesariamente á xente que o mantivo, ben que mal, en Buenos Aires, xentes tan galeguistas como distantes das causas que Castelao –abraiado e apremado polas circunstancias– con tanta paixón defendera durante a guerra civil. Nesta excelente exposición de feitos que nos regala Alonso Montero non hai maniqueísmos nin apropiacións indebidas. Preséntanse tal como foron e que cadaquén interprete.