DEPORTIVO
Oprimeiro ascenso que lle vin ao Depor fora nos comezos dos sesenta. Eu era un cativiño aínda, o Racing baixara a terceira, o que facía máis severo o contraste, e o as de ouros de aquel ascenso, Amancio Amaro Varela, acto contino xogador madridista. A cambio duns millóns de pesetas e varios xogadores cedidos que non conseguiron manter ao Deportivo en primeira. Mudando a partir de aí, por varios anos, en equipa ascensor.
Logo viría unha certa desfeita, Segunda B polo medio, ata que veu o Lendoiro poñer as cousas nese sitio que tanto temos desfrutado anos atrás, coruñeses e vencellados. Entre os que me conto, parcialísimo de Coruña, así, sen artigo, como dicimos os da banda de Ferrol, despois de tantas veces, entre amigos, amores e panoramas de toda caste, como teño vivido en Marineda (por lle facer unha homenaxe a Dona Emilia, quen tanto me presta, como novelista e muller rachada).
De maneira que entenderán o ben que me sinto co novo ascenso do chamado Super Depor. Clube polo que torzo, máxime ao non compartir categoría co Racing de Ferrol. Cousa moi lonxana de momento. Ora, o fútbol é o que ten. Que o que hoxe semella categórico mañá é pura anécdota. E se non pregúntenllo a Vila-Real, Mérida, Almendralejo, Lleida e “tutti quanti” foron primeira división (en fútbol) e agora a velas vir (ou rañar). Por certo, Vigo xa me queda máis lonxe, e non obstante, desta volta, desexo ver ao Celtiña tamén en primeira. Que así sexa.
