2014/2015
Último martes deste ano 2014, un terrible ano para gran parte dos nosos veciños. Un ano que remata coas traballadoras de Cleanet acampadas no Cantón. Levan varios meses sen cobrar, non puideron celebrar estas festas. Finaliza o 2014 con máis do trinta por cento dos ferrolanos no paro. Os que teñen traballo non se atreven a mirar o futuro, tal é o grao de precariedade en que se ven colocados na súa ocupación grazas ás reformas laborais ás que nos someteron nos últimos anos. Chegou a recuperación económica á casa de Mariano –esfórzanse en repetir–, pero o certo é que se lle esqueceron boa parte dos fogares do resto dos cidadáns.
Hai cousas que non volverán por se mesmas no 2015. Non nos van regalar os reis magos todos eses dereitos que perdemos en todos os aspectos en que se desenvolve a nosa vida. Comeza un período decisivo para dar un xiro á situación e iso conséguese día a día con implicación e esforzo.
