Vaga de calores
Estes días de altas temperaturas escoitei á xente falar alarmada do perigo que supuña para as persoas humanas a suba do mercurio e citaban como fonte de autoridade os variados informativos televisivos e os expertos consultados ao caso. Os naturais galaicos non estamos afeitos a tanta calor, pero de vez en cando veñen estes aires do Sáhara que obrigan aos ourensáns a refuxiarse no ar condicionado da Deputación provincial e ao resto dos habitantes, nas proximidades de auga mariña ou fluvial.
Aos galaicos bravos iso do golpe de calor non saben o que vén sendo, non é como o colesterol, que se mide en números. Un ser de por aquí é quen de ir rozar na herba da horta ou do monte en horas de máxima incandescencia vespertina sen preocuparse de males maiores nin táboas de temperatura, porque unha cousa sempre foi certa: os únicos vaídos por exceso de sol que se coñecen son os dos antigos recrutas en formación para xurar bandeira en Figueirido e os dos guardamarinas en Marín o día do Carme.
Pero isto de sufrir unha insolación non deixa de ser perigoso para certas persoas. Cando comeza a ferver a masa encefálica hai persoas que non o soportan e deliran ou simplemente din a verdade u algo parecido, de aí que Luis Bárcenas estea mellor baixo cuberto que tomando o sol nas piscina da súa casa nas aforas da capital do Reino.
O caso do ex tesoureiro do populares merece un especial, como o de tantos outros que se crían inmunes á xustiza. Calquera galaico con tanto capital acumulado tería fixada a súa residencia no lugar máis afastado do territorio, principalmente no Caribe, polo que temos unha querencia fóra do normal. Só hai que recordar que centos de multimillonarios de orixe nestas terras viven por aquelas augas, de forma anónima, e non se deixan convencer de que invistan os seus dólares en aventuras bancarias autóctonas de escuro futuro.
Aínda así, malia a ter grande experiencia, non entendo como Pablo Crespo acabou en prisión. A única explicación que vexo é que se deixou contaminar pola idiosincrasia da meseta e perdeu a habilidade natural para sobrevivir. Os seres galaicos somos inmunes á vida da alta sociedade, aos grandes luxos e aos restaurantes caros. De vez de cando gozamos deses praceres pero como quen non lle dá maior importancia, aínda que nos guste dar unha viaxe en iate e facernos algún retrato co anfitrión e patrón da embarcación como recordo da aventura.
Isto das vagas de calores no afecta ao sentido dos galaicos, só o de aqueles que se marcharon á meseta a facer fortuna ou queren intentalo. Ir a esquiar ao Canadá e regresar para entrar no cárcere non é de xente lista.
