Un cambio positivo
AUnión do Povo galego (UPG) convidoume ao seu XIII Congreso que se realizou o pasado fin de semana en Compostela.
Asistín, porque unha parte fundamental da miña vida estivo ligada a esta organización política, e ademais tiña interese de escoitar o discurso final, coñecer ao novo secretariado político e ao secretario xeral. Teño que dicir que me sorprendeu a elección de Néstor Rego para este cargo.
Rego é unha persoa axeitada para esta etapa. Fixo un discurso nacionalista de esquerda, ao servizo das clases populares, como é lóxico na UPG, asumindo plenamente a loita anticapitalista e a liberación nacional de Galiza (a República Galega).
Non disfrazou nen minguou os obxectivos estratéxicos, e a esencia comunista do partido (non ortodoxa, patriótica, chantada na realidade galega).
Foi debullando de vagar análises e obxectivos, coa tranquilidade que lle caracteriza; ao que compre engadir, como unha virtude persoal, a capacidade de dialogo.
Sería errado pensar que o novo secretario da UPG non vai aportar mudanzas, xa que toda persoa, nun cargo tan importante, sempre incide sobre a organización nun sentido ou noutro, mesmo nun partido no que os organismos colectivos son decisivos.
Todo parece indicar que a UPG deu un novo paso na súa actualización á situación de crise sistémica (da globalización neoliberal).
Rectifica erros e desviacións, e reafirmase nos acertos; por iso, sen deixar de procurar solucións conxunturais aos problemas sociais e nacionais que padecemos na actualidade, destaca a importancia do proxecto estratéxico.
Salienta o valor da conciencia política e a mobilización, ligándoas ao cambio na correlación de forzas.
Todo fai pensar que os textos aprobados, e a mudanza no timón da UPG, fortalecerá o traballo en común das correntes do BNG, así como a relación coas organizacións de masas do nacionalismo.
