Trato
O barómetro do CIS mostra que as cuestións relacionadas coas toxicomanías xa non ocupan os primeiros postos das preocupacións da cidadanía. Daquel segundo lugar de finais dos oitenta pasamos á 18ª posición da situación actual. Os novos tempos e as súas circunstancias (crise, paro, recortes, corrupción...) provocaron unha sensación de relax sobre outras graves situacións sociais que sempre estiveron activas. Na nosa comarca Asfedro, entidade que atende e loita pola saúde biopsicosocial de 1.270 persoas, ten apuros económicos que poñen en risco a súa viabilidade. É hora de que as administracións (Xunta, Deputación, concellos) e a veciñanza da área en xeral voltemos a mirada hacia a directiva e profesionais e lles devolvamos a frase do poema de Benedetti “fagamos un trato” que eles utilizan a cotío cos usuarios: “Vostedes saben que poden contar connosco, non ata dous ou ata dez, senón contar connosco”.
