Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Había unha vez certo ciclista profesional de orixe galaica que correu varias voltas ao Reino sen destacar gran cousa no pelotón. Era destes que se integraban no pelotón e que facía labores de equipo cun palmarés que se reducía a algún sprint especial, meta volante ou integrante dunha escapada. En probas menores, o rapaz ganaba de vez en cando, á falta dos primeiros pedais do seu equipo na competición. Era o que en esencia se chama na terminoloxía das rodas lenticulares un gregario de luxo, tamén nomeado gregorio polos comentaristas deportivos.

A definición de gregario en calquera idioma significa en esencia que non ten ideas propias e que asume as iniciativas dos demais se cuestionalas e a súa aplicación recta e non oblicua emprégase no mundo animal.

Este profesional galaico do pedal veu correr unha Volta a Galicia cando se recuperou a proba, alá por finais dos oitenta do século pasado. Como natural do territorio centraba a actualidade dos medios de comunicación autóctonos, que demandaban incesantemente a súa opinión, valoración e o que se lle ocorrese sobre o desenvolvemento da etapa do día. As declaracións do elemento eran pouco menos que despectivas para a proba e viña a dar a entender que aquí non se sabía de ciclismo, que a organización era un desastre e o que me chamou a atención foi que sentenciou, en ton verbal despectivo, que Galicia non servía para o ciclismo.

Este rapaz acabou correndo probas menores até que lle deron un cargo de comandante do pelotón galego. Penso que nunca correu unha clásica francesa rodando polos lastros do camiño, seguro que lle parecían un encanto e non como por Galicia, que todas as estradas soben para despois baixar.

Tras estes meses de incesante chuvia, natural nesta terra, os rapaces galaicos comezan a pórse pantalóns curtos, ou bermudas en denominación guai, e chinelos nos pés cos primeiros raios de sol, seguindo a moda que ven na televisión. O feito de seren xente nova, sen experiencia, lévaos a saír pola mañá en impedimenta alicantina e volver anegados ao mediodía e incubando unha bronquite, porque aquí as nubes de chuvia forman parte da paisaxe. Como no caso do ciclista afamado, estes rapaces tamén critican que Galicia non vale para levar roupa de verán, como se fai por outros territorios do Reino, aínda que sexa en inverno.

Un concelleiro iletrado comunicoulles aos habitantes dunha parroquia que a rede de sumidoiros que ían instalarlles non se podería facer no prazo comprometido. Interrogado polas causas da demora, sinalou que o proxecto non fora ben pensado porque non se tiveran en conta os desniveis do terreo porque a mente que deseñou o proxecto fixo unha adaptación dun pobo de Soria. É que Galicia tampouco vale para as acometidas.