Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Cando rematará a crise?

Odiscurso de investidura do Presidente da Xunta de Galiza non deu moito de si, para alén de debuxar un futuro moi optimista; por certo, sen ofrecer ningún dato para garantir que esta hipótese se faga realidade. Mesmo poderíase dicir todo o contrario, analizando a tendencia. Núñez Feijóo aventura o ano 2015 como o do inicio do medre do PIB galego; ren di de cando se comezará a xerar emprego. Mesmo se fose certa esta data teríamos un comportamento económico peor que o do Estado, xa que a OCDE prognostica neste caso o ano 2014. Polo tanto, de pouco serviu que sexamos mellor pagadores e máis austeros, como se gaba acotío Feijóo, cando se trata de tirar rédito desta presunta cualidade.

Despois do que aconteceu coas datas sobre a construción do AVE non hai que tomar moi en serio estas afirmacións, que teñen como única finalidade aparentar que se está facendo algo. Non é así, xa que as respostas da Xunta son puro tacticismo electoral, seguindo sen reservas o guión escrito en Madrid e Bruxelas polas clases dominantes. Só sendo deste xeito pódese comprender que non estea todo o país en pe de guerra pola sentencia a morte de NCG, un recurso financeiro fundamental para as pequenas empresas, familias e a promoción cultural na Galiza. Poñer por diante agora a petición de responsabilidades aos xestores (que hai tempo que se tiña que ter feito) é fuxir do problema principal, todo indica que para facilitar ao Goberno central a liquidación da entidade.

Compre aclarar que entendemos por crise, para atopar as solucións acaídas. Para algúns abonda con que medre o PIB, porén isto non significa que se xere emprego e moito menos que se recuperen os salarios e as prestacións sociais, polo que a maioría pode continuar por décadas padecendo a crise (reaxuste social). Por outra banda, nesta conxuntura á maioría das grandes fortunas e altos salarios seguen concentrando capital e ingresos; para eles a crise é unha oportunidade. Daquela a crise en realidade é un reaxuste entre clases e territorios (por iso toda Galiza está tan afectada) que só pode rematar para as clases populares se hai un cambio sistémico, unha mudanza política.