Dous galegos na elite mundial do deporte
Hai actividades deportivas que semellan estar proscritas nos medios de comunicación: apenas teñen espazo malia que a dureza, o sufrimento que supón realizar certas marcas, non teña parangón noutros deportes que si están constantemente nas canles de TV, nos programas deportivos das radios e na primeira páxina da sección de deportes dos xornais. Hai dous galegos que pasean polo mundo a súa autoridade nunhas especialidades deportivas que están consideradas como as máis duras do mundo: o triatlón e o ironman. Eles son Javier Gómez Noya e Iván Raña, dous rapaces que non lle dan moita importancia ao que fan malia tela en grado supino.
Gómez Noya remata de gañar unha das series mundiais de triatlón, a celebrada a pasada semana en Chicago, e se non hai lesións que o impidan, vai camiño de acadar o seu cuarto título mundial nesta especialidade, algo so reservado a súper deportistas, aos que ocupan un lugar destacado nese Olimpo selecto, ese club no que tan caro está entrar. Imaxinen nadar 1.500 mts., 40 Qm. en bicicleta e 10 Qm. de carreira a pe sen solución de continuidade en menos de dúas horas e sobrevivir á experiencia. Pois ben o seu compañeiro e amigo Iván Raña gañou tamén en Austria a proba de ironman. Se durísimo é o triatlón pensen nesta do ironmam que consiste en nadar 3,8 Qm., abordar unha etapa en bicicleta de 180 Qm. e de seguido facer unha carreira de maratón completo, e dicir: 42,195 Qm. O atleta de Ordes fíxoo coa estratosférica marca de 7 horas, 48 minutos e 43 segundos algo que semella fora do alcance de calquera ser humano. E aí están, coma se nada fixeran, modestos diante desas fazañas namentres outros que non lles chegan aos talóns no que concirne á dureza dos adestramentos e ao sacrificio físico das probas, son mimados no ámbeto mediatico e personaxes aclamados a nivel popular. Son odiosas as comparacións? Pode, pero así sonche as cousas e os negocios do deporte.
Precisamente estes días de campionato mundial de fútbol sóense publicar as estatísticas do que corren (os que corren, claro) os xogadores nun partido, traxecto que está entre os seis e os dez quilómetros. En fin, non quero entrar en máis detalles porque algúns poderíanme acusar de botar man da demagoxia, pero os números cantan, falan por si solos e sobran as comparanzas. Pero malia iso voume arriscar. Imaxínense o seguinte: bótense a nadar no porto exterior de Ferrol e diríxanse ata o peirao de Curuxeiras; saían da auga, suban a unha bicicleta e bótense a pedalear ata Vigo, báixense da bici e póñanse a correr un maratón (42 Km e 195 m) que ven de ser un pouco máis que de Vigo ata Baiona. E todo iso en 7 horas e 48 minutos. Pois iso.
A Gómez Noya e Iván Raña coñécenselles o seus éxitos deportivos máis fora que aquí, cousa que debéranos dar certa vergoña. Eles, segundo manifestan, non pensan nos grandes premios honoríficos e si nos resultados das probas nas que participan.Gómez Noya encamiñase cara ao seu cuarto titulo mundial e Iván Raña a acadar podio no iroman de Hawai. Namentres o comité de sabios decide que o Premio Príncipe de Asturias do Deporte é este ano para o “maratón de N. York”, os que amamos o deporte esperamos que de unha vez por todas se faga xustiza con estes dous super-atletas galegos.
