MENCHIRA
Hai por volta de trinta anos que o grande Chico Buarque escribiu a “Samba do grande amor” para o filme Para viver um grande amor, de Miguel Faria Jr. Fala nela dunha desilusión amorosa. Nada que ver, pois, con coñecidísimas cancións políticas súas como “Apesar de você”, auténtico himno, nos anos 70, contra a ditadura militar brasileira. Non obstante, esa historia de amor, onde se repite tanto a palabra mentira –que os brasileiros pronuncian menchira–, tráeme á cabeza outra historia, que non sei se se pode cualificar tamén de amor, do PP cos seus votantes, con aqueles que en poucos meses e en sucesivas eleccións lle proporcionaron tanto poder: “Fui muito fiel/Comprei anel/Botei no papel/O grande amor/Mentira”. ¡E como lle mentiron ó pobo!, o seu presunto inmenso amor. A última grande mentira, a da nosa Navantia. E desde tres bandas á vez: a estatal, a nacional e a local. Ó señor alcalde de Ferrol non lle vai quedar outra que ter que saír á rúa con gran jeta de cemento, que é a que toda esta xente ten.
