Exemplos
Asuntos familiares leváronme máis unha vez a Italia por poucos días. Á vista do que fun vendo, botei contas e decateime de que había un algo menos dun ano que estivera por última vez. Os espazos físicos, os lugares que pisaba, eran os mesmos, mais os espazos sociais, o que vías nas xentes que os ocupaban, mudaran. O clima vital, en tan curto tempo, era outro. Enumerar as cousas que me chamaron poderosamente a atención non collerían nesta columna. Resumiríaas en tristeza, empobrecemento e medo. E movinme en territorios que podemos seguir cualificando de prósperos. Non todo vai ser turismo e especulación. Pero vin a situación moito peor que a última vez. O cacarexado Monti non serviu para nada. Talmente, como o PP de Rajoy. En contrrapartida, antonte, cando embarcabamos en Roma cara Madrid, víase un certo rebumbio. Alí descubrín o noso paisano director xeral da Garda Civil e ó seu carón o ministro do Interior. Non me sorprendeu que entrasen no avión de primeiros. Si que viaxasen en turista.
