Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

A POLÍTICA DOS HOMES-CUCO

Seguen os homes-cuco a gobernar Galiza so da mala sombra das súas nogueiras? Hai inquedantes evidencias. A cultura política galega segue “secuestrada” polas elites ideolóxicamente afíns  ao conservadurismo histórico en museos e demais tanatorios necrofílicos. Grande parte dos documentos históricos e culturais seguen inéditos, sen reeditar ou ciscados por xornais esquecidos de arquivos escurantistas, cando non agochadas na poeira de labirínticas hemerotecas. Paradoxos dun mundo interredes onde tan doado sería ter centralizada e aberta a todos os cidadáns a información histórica. (Debe ser o único que o poder estabrecido non quere centralizar, nestes tempos de capitais centrí-fugos de políticas centrí-petas!).
De tal xeito que se vives en aldeas, vilas ou nun cemiterio privado coma Ferrol e folgas sen recursos económicos estás condenado a ser un esfameado cultural. Iso si, sempre fican esas fírgoas de luz nas que debeces por mirar como santo celta en cobizado paraíso. Eu teño a ollada nunha fírgoa hai ben tempo. Botar luz na polémica que pariu a situación política actual na Galiza. A creba acontecida no franquismo entre o galeguismo do interior e o do exilio. Porque coido que nese intre histórico xogamonos o porvir e a derrama de hoxe.
Ou o que vén ser a liorta tan revesgada entre os piñeiristas e os castelaoístas. Entre a dereita monárquica dun galeguismo culturalista de Xogos Florais e a esquerda republicana dun galeguismo político senlleiro. Certo que en Bos Aires era máis doado ter afoutos para o combate antifranquista, mais non menos certo que houbo intentos dabondo dos exiliados por axudar. Tanto Ferrín coma Franco Grande, se mal non lembro, falan daquela reunión pactada na casa de García Sabell (o espía de Piñeiro) onde se fanou o derradeiro intento de entendemento entre o galeguismo de Aquén e Alénmar.
Antón Moreda e Perfecto Feijóo tentaron de artellar os vincallos dos galeguistas do interior co noso goberno no exilio, o Consello de Galiza. Mais xa o señor da mesa “camilla”(aquel cura galeguista de xorne tan diferente ao  rebelde agrarista que fora o cura de Fruime) movera os seus fíos á sombra dos futuros pexegos da CIA para que a cultura galega non pasara das empanadas de xouba e o aí vén o maio de frores cuberto para facer de nós, outravolta, unha carencia con prumas!
Sabidos de que a auténtica cultura é política sempre ou non é cultura senón fraude ou pasatempo (máis dos xardíns betanceiros ca da ponte mindoniense). A cultura que non vai ao cerne do ser e non muda conductas non é máis cultural ca xantar un lacón con grelos, gorentoso ao padal mais entullador nas arterias no que ten á libre circulación do sangue. Seoane e tantos outros, sempre enxergaron a cultura como compromiso sen necesidade de fachendas retalladas de estúrdigos tópicos falsamente identitarios.
“Castelao está en New York faguendo debuxos de negros”, escríbelle, dende a calor da confortabel mesa, Piñeiro a Ben Cho Shey en Reis do ano corenta. E defende a monarquía como saída. Namentres Castelao leva a cabo unha actividade frenética para axudar ao refuxiados (moitos en campos de internamento en Franza) e contactar co naufraxio galeguista polo mundo adiante. Como ben se di no libro de Garrido Couceiro: Piñeiro contra Castelao. Castelao contra Piñeiro. E pensar que Castelao morreu alá sen albiscar Alba de Groria e que os piñeiristas xunto cos monfradiños feixistas remanecidos demócratas autonomistas, que queiras que non, metérono no Panteón dos Galegos Ilustres!
Que deprimente é a historia da traizón entre xentes que cantan un mesmo himno! Decatarse da intratraizón é a verdadeira perda da virxindade política! Ao fin, os bos e xenerosos pondalianos collían nunha man pechada e sen erguer! Aramos sobre os mortos nesta terra...do Lorenzo Varela ou Un paso adiante e outro atrás Galiza e a tea dos teus soños non se move... do Díaz Castro, a mesma fenda no galeguismo de hoxe perante estas eleccións a unha Europa que mellor fora que ficase raptada coma no mito grego. Cantos Pacos Pixiñas andan a facer país? E iso que o Pixiñas semellaba ser o único interlocutor do grupo piñeirán de Galaxia co exilio, colaborador de Seoane. Seica o Ferreiro non precisaba viaxar para dar co país dos ananos, abrollan por todos os recunchos da Terra sen necesidade de entrar naquil local aclimatado de Caracas.
Haberá que ler As cicatrices de Seoane para ver a concordancia de opinións entre ámbolos libros. Cantos desencontros tamén entre emigrantes do común e exiliados cando se trata sempre, ao fin, de exilio político. A emigración non é outra cousa que iso!
Os homes-cuco, que como escribía Seoane naquela sonada polémica da editorial Cuco Rei, non son os bechocos que adiviñan co voo, senón eses paxaros trepadores con sona de poñer os ovos en niños alleos, fachendosos e egoístas, os que andan a enredar mudando de cor, lurpando vontades, sorrintes e gasalleiros coma recramo de caza, as mans no cinto que lles suxeita o ventre, a dicir parvadas, repetindo ditos espallados por non se sabe quen, xogando a representar aos demais sen que ninguén llo pida. Eses oportunistas de calquera parte, partidarios dos feitos consumados. Servidores da política máis noxenta, a das agachadas.
Nós non somos partidarios dos feitos consumados, (escríbia Seoane), feitos feixistas, porque ningún feito chega a consumarse definitivamente. Dos feitos consumados, nacen novos feitos. Feitos imprevisibels. E remata dun xeito xenial, (tan acaído ao noso tempo que semella unha premonición ou a inmóbil tea dos soños de Díaz Castro en Penélope): Neste intre deixamos ao home-cuco zorregando ó ar súa pontada...
Ten as mans nos petos, o ventre a proa rompendo, paresce, pra diante. Mais non adianta, é un espellismo, recúa. Non vos parece talmente o retratro pixelado dalgún cartaz eleitoral?