25 de abril, sempre
Esta é a nosa modesta homenaxe a aquel glorioso día de hai hoxe trinta e nove anos en que se producía a derradeira das revolucións románticas do séc.XX e que dista moito de se voltar a repetir. E non porque os indicios se inadecúen aos novos tempos, senón porque en termos globais a extensión da inxustiza transborda todo límite. Portugal regresou, tras un espellismo de bonanza nos noventa, aos seus máis temidos fantasmas.
A pobreza, a exclusión social, a emigración, a redución salarial a funcionarios do Estado e pensionistas, o odioso rescate, a privatización de empresas públicas... son algúns dos síntomas da grave doenza que se observa. E tanta é a inquietación que mesmo no Estado español, conscientes de que as receitas da austeridade alí aplicadas seguen aquí camiño semellante, a realidade non se agoira demasiado distinta.
Hai tres anos, nunha visita de Otelo Saraiva de Carvalho a Ferrol para dar unha conferencia, fixeramos un artigo acerca da Revolução dos Cravos. A enerxía transmitida e a claridade con que falaba o ex-tenente coronel fixéranos comprender os porqués de significar tanto para aquel Movimento dos Capitães, así como a razón de se tratar dunha persoa incómoda para o Portugal postsalazarista tras a frustración do seu proxecto revolucionario. Hoxe o seu discurso, certamente agudo, vénse a reactualizar unha vez vemos Portugal regresar a un escenario socioeconómico non moi diferente ao daqueles tempos.
E é que as democracias parlamentarias occidentais repudian políticas de tal xorne social, alén de hoxe se veren aínda máis impedidas ao descubrirmos con absoluta clareza a calaña dos organismos supranacionais –FMI, BCE, UE, etc., coa vontade secuestrada por holdings e lobbies internacionais–, verdadeiros mandatarios que ditan a política económica a seguir, política baseada en criterios economicistas que anula camiños distintos e disensións. A rede clientelar a escala global, e nomeadamente europea, estámola a experimentar con ferocidade e virulencia. Irlanda, Grecia, Portugal, España, Chipre e os que aínda están por vir haberán de probar o que significa a tiranía do capital: produtos bancarios lixo, desafiuzamentos, “corralitos”, quitas achegadas con capital dos aforradores, etc.; estratexias a seguir polo sector financeiro para nos tirar da crise económica en que eles mesmos nos meteron, mentres a fractura social é cada vez máis profunda e a clase media afunde, creando enormes bolsas de pobreza, e ricos que cada vez son máis ricos.
Non é de estrañar, pois, que outra vez se fagan sentir con forza os acordes do “Grândola, vila morena” polas rúas portuguesas en cada manifestación.Que membros do movemento social Que se Lixe a Troika logren entrar como espectadores nun debate da Asemblea da República e se poñan a cantar o verdadeiro himno da Revolução dos Cravos, conseguindo asombrar os deputados e que Passos Coelho, o primeiro ministro, cale –estaba a falar nese momento–, esperando para reiniciar o seu discurso mentres non rematase a canción. E así en moitas máis comparecencias de ministros, conferencias de altos cargos, visitas institucionais, etc., escoitándose os versos da canción, verdadeiro himno á fraternidade, á solidariedade e a un goberno real do pobo.
A protesta pacífica e paciente do pobo portugués é capaz de sentir a saudade daquel 25 de abril de 74 naquelas persoas maiores que a viviron en propias carnes, mais transfórmase en reivindicación de futuro naqueloutras que, por idade, non a puideron experimentar. Tratábase dunha revolución romántica, estraña, incruenta e feliz que comezou ás 12:30 ao sinal dos acordes da canción “Grândola, vila morena” en Rádio Renascença, que se convertería en himno ao son dos pasos dunha multitude de persoas a avanzar. E os tanques e os soldados saíron á rúa. Mais os signos eran absolutamente contrarios aos dun golpe de estado ao uso, pois as armas non soaron e Marcelo Caetano caeu finalmente derrocado. Logo de disensións e gobernos transitorios en que as diferenzas entre o xeneral Spínola e os Capitães de Abril se fixeron palpábeis, as eleccións de 25 de abril de 75 traduciríanse na democracia parlamentaria que hoxe coñecemos.
E hoxe é de novo 25 de abril. Portugal sairá en multitudes á rúa para celebrar e protestar, talvez nas maiores manifestacións habidas desde aquela altura.
O salario medio nos 850 euros e o mínimo sen chegar aos 500, os meniños que acoden coa friameira para levar da escola a comida que na casa non lles poderán dar, as urxencias médicas ás que a xente non vai pois hainas que pagar, as autoestradas e autovías de pago sendo infrautilizadas, etc. E o berro contido da xente que soporta resignada os recortes sociais pero a solución non dá chegado. E xorde Que se Lixe a Troika, a contestación máis clara a este abuso. E porque “o povo é quem mais ordena”, prodúcese a revolta social, máis presente que nunca desde hai 39 anos, facendo que este 25 de abril cobre maior simbolismo, se cabe, que en ningunha outra ocasión.
