Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

DEZ ANOS SEN SIXTO SECO E O CENTENARIO DE HILDEGART

A profesión médica tivo sempre notables representantes nos eidos da cultura e do humanismo. En Galicia houbo de sempre una longa tradición de médicos humanistas; nunha breve escolma temos o escritor e artista Alfonso Castelao, os poetas Valentín Lamas e Leiras Pulpeiro e os ensaístas Novoa Santos, Rof Carballo e García Sabell.
No eido específico da etnografía e a cultura popular cumpre salientar os nomes de Jesús Rodríguez López, Pérez Hervada e Lis Quibén. En Ferrol temos os casos coñecidos do investigador Santiago de la Iglesia, o literato Cabo Pastor e o pintor e escritor Emiliano Balás. Nesta abondosa nómina de intelectuais cumpre incluír ao médico mugardés Agustín Sixto Seco.
O próximo 30 de decembro cumpriranse dez anos do pasamento en Santiago de Compostela do médico e intelectual Agustín Sixto Seco, nacido o ano 1926 en Mugardos e persoeiro moi ligado a Ferrol. Especialista en Ortopedia e Traumatoloxía, cunha recoñecida traxectoria profesional, fundou e dirixiu o Instituto Policlínico La Rosaleda de Santiago e foi presidente da Sociedade Española de Traumatoloxía.
Ademais de exercer de xeito intenso a súa profesión, traballou de arreo a prol da cultura galega. Foi un dos principais promotores da Casa Museo de Rosalía en Padrón e da conversión do pazo de Trasalba na Casa Museo de Otero Pedrayo. Onde existía una institución que traballase por Galicia, alí estaba Sixto Seco, fose a Fundación Penzol, a editorial Galaxia, o Centro Ramón Piñeiro o Museo do Pobo Galego ou o Consello da Cultura Galega.    
Membro da Real Academia Galega e home de profunda compromiso co idioma galego, destacou como conferenciante, articulista de prensa e colaborador en diversas publicacións do país, especialmente na revista de pensamento cristián Encrucillada, editada en Ferrol, que sempre tivo en conta a realidade cultural e sociolóxica de Galicia.
Vencellado a Ferrol, onde tiña lazos familiares, visitou con frecuencia a nosa cidade onde impartiu varias conferencias e publicou diversos traballos, sendo de especial relevancia o titulado “Xentes de Ferrolterra na emigración americana” que viu a luz no Caderno do Ateneo Ferrolán do ano 1999.  
Aínda que que a miña relación persoal co doutor Sixto Seco foi recente, nos derradeiros tempos da súa vida tiven con il unha constante relación. Como coñecedor do mundo ferrolán, que tan ben seguía desde Santiago, e como estudoso do mundo da emigración, tivo a ben facerme o prólogo para a biografía que fixen sobre un notable personaxe ferrolán, o marqués de Amboage. Coido que este fermoso prólogo para min sempre será a mellor homenaxe e a merecida lembranza que lle podería facer a un home xeneroso.
Ferrol ten unha longa historia de desencontros e perdas de fondos culturais e bibliográficos de ilustres persoeiros da cidade e a comarca. Temos os casos relativamente recentes dos importantes legados de Carballo Calero e Torrente Ballester, que se atopan fóra de Ferrol, xustamente en Santiago. Agora anúnciase que a importante biblioteca e o arquivo de Sixto Seco pasará a formar parte dos fondos culturais das instalacións da Cidade da Cultura no monte Gaiás, tamén en Santiago.  
Por outra banda, entre os días 6 e 8 de Decembro vai a ter lugar no Ateneo Ferrolán un Congreso celebrando o centenario de Hildegart Rodríguez Carballeira, notable persoeira coñecida pola súa actividade no movemento feminista. O 9 de Decembro cumpriranse cen anos do nacemento de Hildegart, concibida pola súa nai, a ferrolá Aurora Rodríguez Carballeira, como modelo da muller do futuro e tamén, moi pronto, aos dezanove anos, asasinada pola súa propia nai.
Dentro da atonía da vida cultural de Ferrol semella un Congreso de interese, coa anunciada presenza de diversos investigadores de España e doutros países. Cumpre esperar que o estudio de Hildegart teña lugar dentro dunha axeitada e rigorosa contextualización histórica, mesmo que se estudie no Congreso a súa vertente local. Desde a miña atalaia de exiliado de Ferrol, o que de verdade me importa son os posibles traballos sobre Hildegart que puideran presentar as historiadoras ferrolás Rosa Cal, Manuela Santalla e María Fidalgo.
jjburgoa@hotmail.com