Alporizados
Entendo que moitos cidadáns estean alporizados, é dicir, enfadados, encolerizados, e cabreados polo veto europeo ao noso ansiado dique flotante. A min non me colle de sorpresa, pois hai tempo que teño asumido que o rol que nos asignan na UE é o de simples comparsas. Desde o comezo desta historia europea nos teñen “comidas as papas”, pola falta de enerxía dos nosos gobernantes, empeñados en parecer defensores do diálogo e dun consenso que sempre consiste en aceptar o que propón o que manda. A máis diso, preocúpame a interpretación que está a se lle dar á decisión europea, responsabilizando uns, ao socialista Almunia, mentres outros acusan ao Goberno do PP de facer as cousas mal á mantenta. Coido que alguén podería tirar a conclusión de que, o que lles interesa aos populares é agardar a coller o mando na Comisión Europea para solucionar o asunto do dique e gañar méritos, con vistas aos próximos comicios. Mal pensados? Pois xa se sabe, “pensa mal e...”.
