Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

seguro que os que, coma min, superaron con creces o medio século de vida recordarán que hai anos perante as tempadas estivais esmorecía o interese informativo e non había novas que chamaran poderosamente a atención, así que os medios de comunicación andaban na procura de sacarlle punta a calquera asunto por moi nimio que fose. Entón, o mesmo que un mago sacaba un coello da chistera, os medios creaban o que no acerbo xornalístico coñecíase como unha serpe do verán e tiraban do asunto ata que a cousa non daba máis de si. Calquera tema servía, dende os bikinis das suecas que viñan de veraneo a España, ata as escaramuzas amorosas dalgún persoeiro da farándula con tal de ocupar espazo e manter ao persoal entretido coma se fose esta unha actividade máis do lecer do verán.
Hoxe no panorama informativo haiche temas dabondo para distraer e para preocupar sen ter que recorrer á esa serpe do verán. Outrora eran unhas serpes case inofensivas ao contrario que as de arestora, que veñen cheas de veleno que se expande máis e máis na medida na que un vai penetrando no miolo dos argumentos.  Xa me contarán se fai falla andar na busca dun tema para entreter o verán, tendo diante o asunto Bárcenas, por exemplo, ou o caso Urdangarín por poñer dous exemplos onerosos. Son estas unhas serpes que preocupan polo que que traen detrás, polas implicacións dos seus protagonistas na medida en que afectan ás institucións do Estado, como son o Goberno e a Monarquía. Fálase tanto do asunto Bárcenas que a penas hai lugar para dedicalo as andanzas do exdeportista xenro do rei. Bárcenas, ese personaxe gris que ao amparo dun partido conivente foi amasando unha fortuna a base de roubar de aquí e acolá, que pasou de ser fiel colaborador a puntual pagador de sobresoldos con diñeiro de dubidosa procedencia a importantes membros da administración do Estado incluído o presidente do goberno, é sen dúbida a gran serpe informativa de lingua viperina deste cálido verán. Unha serpe que trae en vilo a todo un Goberno da nación que teme que dende o seu cubil de Soto del Real siga botando lixo sobre moitos daqueles que hai pouco dicían que era un personaxe honorable e poñían a man no lume por el e agora din que é un delincuente. Un dos que máis o defendía era Arenas, curiosamente un dos que máis cobraba da caixa B, xunto con outros que proclamaban que os demais viviamos por enriba das nosas posibilidades e que había que cortar con iso, namentres eles veña a encher a faldriqueira con sobresoldos e demais prebendas propias de ditadores de repúblicas bananeiras. Un honorable tesoureiro convertido en delincuente está a poñer dos nervios a un grupo de políticos que sacaron beneficio das actividades delituosas deste personaxe que semella sacado dunha novela negra, unha serpe que sacou a cabeza do burato, pero ata a cola aínda hai bicho, así que é moi probable que haxa máis dunha sorpresa. Namentres Rajoy cala, escúdase no seu silencio crendo que co paso do tempo cederá o efecto pezoñento do veleno. Penso que se equivoca, creo que sería bo facer terapia  no lugar axeitado, que en democracia é o Parlamento. A cidadanía e merecente dunha explicación. Se non o fai é mellor que o deixe, que se retire a lamber as feridas conferidas por unha serpe que resultou ir máis aló que unha simple serpe do verán. Abofé.