FESTA DO PCE
Acredito na alegría de cambiar o mundo participando dos pequenos espazos liberados pola crítica, o compromiso, a cultura, a loita, a música, a risa… Esta fin de semana vou a unha desas terras, a Festa do PCE, onde se anticipa unha liberación preñada de fraternidade, e na que debatemos e pomos en común co conxunto plural da sal da terra, as mulleres e homes que nestes tempos históricos axitan a malta para recrear unha forza política e social quen de derrotar aos amos do capital. Laboratorio de encontro das diversas ideoloxías emancipadoras e dunha man chea de organizacións políticas e sociais, a Festa do PCE alicerza a demanda de unidade da xente do común para cambiar o porvir; faino a partires dese coñecemento social partisano da unidade que latexa no Manifesto Comunista, que sabe que pelexar por un mañán xusto para todas e todos nós, require erguer un referente ético-político que aglutine ao pobo plural das esquerdas e á cidadanía traballadora. Nesa tarefa necesitamos sermos máis e facer o camino xuntos.
