Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Xira, xira e xira a roda mais a fariña non aparece por ningures. Está probado –ou en entredito– que moita xente levou moito tanto de xeito ilegal como presuntamente legal, mais carente de todo tipo de ética. Pero, como todos eles gozan das bendicións das xerarquías eclesiásticas, a súa conciencia está tranquila. E a seguir que non pasa nada. Aquí ninguén devolve un patacón. Móese e remóese e a fariña, que está aí, que se sabe que está, non dá saído. Chamoume moito a atención o que declarou o ata hai uns días presidente do consello de administración de Pescanova despois da súa dimisión. Manifestou  que levaba dous meses sen cobrar por decisión da administración concursal así como que non percibiu ningunha indemnización por resolución de contrato por non ter cláusula de blindaxe ningunha. E así debería ser. Ese tipo de cláusulas deberían estar prohibidas por lei.
Poderíase argumentar que as empresas privadas poden facer cos seus beneficios o que mellor lles pareza. Evidentemente. Mais, cantas grandes empresas –que é onde se dan esas asociais prácticas impensables para as pequenas e medianas– non se benefician dun xeito ou doutro de moito carto público? Diría que ningunha. Xa que logo, por que o pobo que é quen aporta as cantidades que estas xentes reciben non vai poder controlar os inmorais montantes que levan cando, polo que for, rescinden unha relación laboral? Peor aínda cando a saída se debe a unha mala xestión. Vendo estas curiosas e lucrativas historias do mal facer, os nenos poderían tirar a conclusión de que non lles convén en absoluto cumprir cos seus deberes para obter un bo premio. É preferible facer o contrario. E non é chiste. Como tampouco o é que Luis Bárcenas recibise unha indemnización en diferido por deixar de traballar para o PP, segundo Dolores de Cospedal, dous anos antes de que aparecesen os papeis da presenta contabilidade B. Foi “despedido?”, mais seguía cobrando mes a mes –e sen facer nada?– por ese curioso sistema indemnizativo. Non sei se habería xente incauta que acreditase nesta historia, mesmo dentro do propio PP. Como ninguén –agás estas simplezas– quixo asumir ningunha responsabilidade, a bola seguiu medrando e leva camiño de esmagamento. Iso se o sistema funcionase como debería.
O señor Rajoy segue agachado e parapetado detrás dos que están con el, dos que semella que son devotos incondicionais seus. Será todo tan bonito? Entre eses fieis hai nomes que figuran nos papeis do ex tesoureiro e outros que non. Mais, de entrada, todo se centra en dicir que o que declara Bárcenas son calumnias e mentiras, que todo e falso e disparatado e por aí. Tamén inciden na credibilidade do líder fronte á dun señor que está na cadea. Así de primeiras, pode que o conxunto do pobo, da cidadanía, puidese aceptar esta disxuntiva. Mais, que credibilidade pode ter un señor que desde antes da convocatoria das eleccións que gañou o seu partido, non el, falaba de que ían resolver tódolos males de España en catro días? Nin a persoa máis parva pode dicir hoxe que a situación mellorou. En nada de nada. Todo era mentira. A min se me preguntasen a quen creo máis diría, sen telo moi claro, que a Bárcenas, porque é o que menos ten que perder. E o dos millóns en bancos estranxeiros habería que preguntarse de quen realmente son? Don Mariano, como non ten nada que ver con esta historia non quere convocar eleccións xa. Baséase en que cumprirá o mandado que lle deu a cidadanía, deixando de lado que se presentou cun programa do que non cumpriu nin o primeiro punto e menos aínda a primeira coma. Vamos a contar mentiras, trailará...