Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

INVESTIGACIÓN E NON ESPECULACIÓN

Quen segue minimamente o que escribo nas páxinas deste noso xornal sabe de sobra que non adoito insistir nun tema a curto prazo. Pode que pasado certo tempo retome o falar dalgunha das teimas que me acompañan, esas que tódolos humanos –afortunadamente diferentes– temos. Haberá alguén sen manías? Nunca, nos meus xa non escasos anos de vida, espécime así coñecín. Hoxe estou facendo unha excepción. O bombardeo informativo de todo tipo ó que estamos sometidos desde o descarrilamento do tren Alvia en Santiago creo que nos debe chamar á reflexión.
Por suposto que un acontecemento desta magnitude debe ter presencia destacada en tódolos medios, tanto audiovisuais como escritos. Mais debería ser para facer análises de todo. Por Compostela, cousa natural, andaron os reis de España e mais o presidente do goberno. Tamén –faltaría máis– a ministra de Fomento, quen, por certo, non fixo nin a máis mínima alusión a dimisión ningunha. A súa, naturalmente, incluída.
Tanto ten que o tramo onde se produciu o fatal accidente se proxectase, se executase e se puxese en funcionamento nos tempos de Álvarez Cascos, Magdalena Álvarez, Pepe Blanco ou de quen for. O caso é que ela é a máxima responsable do estado das infraestruturas.
Como mostra de boa vontade, podería ter insinuado que se as investigacións demostran –xa se encargarán de que non haxa tal– que houbo fallos do sistema presentaría a dimisión. Tampouco fixeron acenos neste sentido os responsables de Renfe e de ADIF. Aquí non dimite ninguén. Nin Bárcenas –que o quitaron da primeira liña–, porque este non vía razóns para dimitir por, presuntamente, facer o que lle mandaban.
Non, a señora Ana Pastor exhibía o mellor dos seus sorrisos perante un xesto para a galería de dona Leticia falando cunha cativiña de Angrois. Se xa viñeran os reis, a que viñeron os príncipes? Se cadra porque todos eles sabían que nunhas circunstancias tan de pesar ninguén os ía recibir con asubíos como lles está acontecendo con moita frecuencia nos últimos tempos. Bo sorriso, señora Pastor. E a divulgada e exhibida en fotos e vídeos visita dos reis ós feridos ingresados en diferentes centros sanitarios foi a un centro privado –que se supón, malia a tráxica situación, non vai renunciar ós pingües beneficios que vai tirar deses internamentos.
É evidente que o CHUS de xeito repentino non podería admitir ese volume de xente ferida, pero... e o Hospital de Conxo? Se cadra tiñan medo de que a falta de ar acondicionado puidese matar a quen tiña pequenas fracturas.
Detalles que evidencian moi claramente a onde nos quere levar esta xente. Pobriños de nós, en que mans viñemos caer!
O do tren xa pasou, desgrazadamente non ten volta atrás. Os comportamentos si. Se non hai cartos para facer liñas ferroviarias en condicións, non se fan e xa está. O que non se pode é andar xogando a se é ou non é, a que malo será que pase algo, porque algún día pode pasar. E pasou. Se pensase como eles, tendo que asumir as responsabilidades inherentes ós seus cargos, posiblemente non tivese maiores problemas para estar tranquilo: unha conversa co director espiritual, unha misiña e xa.
Outro caso é o do maquinista –sexa crente ou non, que non me interesa o máis mínimo– que, seguramente sen comelo nin bebelo, o vai pasar mal. A miña solidariedade coas xentes dos mortos e mortas, mais tamén co señor Garzón.