IGNORANTIA IURIS
O pasado día 14 de marzo tivemos o privilexio, xunto con Carlos Outeiro, presidente da MNL da comarca, e Pedro Picallo, profesor da EOI de Ferrol, de poder presentar o libro “Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez”. A inxección de moral, canto ao aspecto vindicativo do idioma galego se refire, foi o máis firme valor que puidemos tirar del. Libro de contido ecléctico, aínda que axustado ao que no título se di, non podemos afirmar, porén, que se trate dun manual ao uso en que un neófito ou primeiro usuario poida adquirir a competencia ideal que presuntamente oferta. Botando man do humorismo que a Carlos Callón lle é inherente, o devandito título quere ser a escusa que faga abanear o falante —total, parcial, neo ou vello—, para deste xeito estimular, peneirar de impurezas e até descubrir aspectos lingüísticos e sociolingüísticos interesantes e importantes para o universo dos usuarios do noso idioma.
A ninguén se lle escapa, a pouco que observemos, que a lingua propia, lonxe de vivir o seu mellor momento, pasa por serias dificultades, tanto por razóns legais como cuantitativas. O recambio xeracional lóxico que había vir tras anos de Lei de Normalización Lingüística, así como de presenza da Lingua Galega e Literatura no ensino facían presaxiar que o galego tomaría un rumbo certo, cando menos para conseguir un apoio notorio e un esperado prestixio.
Mais, pola contra, a situación parece ser a oposta. Cada vez menos rapaces falan galego e a xente maior (na cal a súa presenza é máis significativa) vainos deixando por razóns biolóxicas. O mesmo acontece a nivel lexislativo, como os últimos machadazos dados ao ensino, suprimindo calquera posibilidade de impartir en galego, p.e., Matemáticas na ESO, e metendo pola porta de atrás o Inglés, podendo copar até un terzo na impartición de materias.
O descoñecemento da lei non exime do seu cumprimento. A nosa lexislación recólleo e indícao de maneira explícita. En moitos centros de ensino onde, a pesar de que a lei di que determinadas materias teñen que ser impartidas en lingua galega, esta non se cumpre, existindo profesorado que, simplemente, quere ignoralo. Así pois, discutirmos de legalidades con respecto ao galego continúa a ser hoxe por hoxe indiferente para moitos, algo superfluo. Debe ser que o galego xa se vale por si propio, ou xa haberá outros que o fagan valer. Que, para o caso, é o que aconteceu días atrás con respecto a unha demanda que un veciño de Pontevedra interpuxo no xulgado contra o seu concello porque dixo non entender o que puña un sinal de tráfico, que estaba escrito só en galego.
O carné de conducir xa hai demasiado tempo que o obtivemos. Mais xurariamos que os sinais de tráfico veñen acompañados dun elemento simbólico que todo condutor está obrigado a coñecer. Non entraremos en discusións con que se este home, aínda sendo foráneo, leva tempo residindo en Pontevedra, ademais de se, como parece, prestou servizos no xulgado da cidade. Se un sinal circular vermello con fondo azul está cruzado por unhas aspas vermellas, resulta que aquí e na China significa que está prohibido estacionar. Se nós alugásemos un automóbil nos Países Baixos, poñamos por caso, alí onde houbese este sinal, e aínda contendo unha lenda debaixo no idioma dese país, é evidente que correremos o risco de que talvez o servizo de guindastre, cepo ou unha multa nos poida ser imposta e nós non poderiamos alegar descoñecemento do que debaixo do sinal di.
A alegación do antedito demandante, letrado de profesión, prosperou e o Xulgado do Contencioso Administrativo deulle a razón. Alén diso, recordou a sentenza que as indicacións escritas que se inclúan ou acompañen os paneis de sinalización das vías públicas figurarán en castelán e, ademais, na lingua oficial da comunidade autónoma. En definitiva, que de se seguir por este camiño pode suceder que se xeren avalanchas de reclamacións en todo lugar de Galiza onde aconteza o mesmo. Doulles máis ideas: un galego de pura cepa tamén podería alegar que descoñece e non entende o idioma propio, sendo isto igualmente admisíbel, pois a lei di que todos os galegos temos o dereito pero non o deber de coñecer o noso idioma, deber que si temos para co español.
Mais sexamos serios. Seguindo esta premisa sería lóxico pensar que calquera turista ou estranxeiro que conducise polo Estado español e se encontrase en semellantes circunstancias podería alegar o mesmo. Non sería serio porén. Inclusive, caso de saír negativo o recurso, poderíase ir levando polas distintas instancias xudiciais até mesmo chegar a Estrasburgo. Pero continuaría a ser moi pouco serio. Porque o problema de fondo todos o coñecemos, ten moito máis calado que a simpleza de dicir que se descoñece a rotulación sinalética en lingua galega. En suma, “ignorantia iuris non excusat”, razón de máis para pensar que, malia todo, precisamos aínda e con máis sentido que nunca de entidades que, como a MNL, velen e fagan respectar os nosos dereitos lingüísticos.
