NECTURNO
Anoite do partido, dese que me tiña o corazón “partío”, a xente, a boa xente do Atlético de Madrid, tantos, tantos que mentira semella, tomaran o centro de Madrid. Para ver nos bares o encontro e logo baixar á fonte de “Necturno” (xuro que hai moito madrileño que pronuncia así Neptuno, como din, involuntariamente poéticos, “insulas” por ínfulas, “taxis” por taxi, “rintintín” por retintín e moitas outras cousas que non vou enumerar agora). Vestían camisolas “colchoneras” e publicidades de toda caste, mesmo algún anunciaba aínda “Marbella”, testemuña de cando o clube estivera nas mans de aquel impresentable que me fixo pasar tanta vergoña cando pousara o seu volume no palco d’A Malata, en fin. Ollo, que por aí segue a familia Gil, ostentando cargos no Atlético de Madrid, certo que agora menos “estentóreos” que o bárbaro aquel que viñera lixar fútbol e política.
Mais eu quero dicir que o outro día desfrutaba vendo estas hostes pacíficas tomando Madrid. Si, xa sei que con pouca estética (¿onde no fútbol fóra do campo?), mais coa ética instintiva dos que deixan a periferia unha vez cada moito tempo para ir a “Necturno”.
Tomarlle o pulso a Poseidón, con ese taparrabos pavero que o deus dos mares gasta.
A un pasiño do Museu do Prado, o que sen dúbida é outra historia. Compatible co amor ao fútbol, posible, mais non moi probable.
Mais tampouco nos poñamos estupendos, que estamos a falar de cousas moi diferentes, penso.
