
“Concienciar á poboación da área da Coruña e Ferrol (Golfo Ártabro) da relevancia que ten o mar na súa historia, presente e futura” é un dos obxectivos das I Xornadas de Historia da Nática que os días 24 e 25 deste mes terán lugar no salón de actos do campus de Esteiro baixo o lema “Ferrol fronte ao mar”.
Coordinado por dous profesores Julio Louro e Santiago Carracedo, responsables das materias de Historia da Náutica que se ofrecen dentro do plano de estudos da Universidade Senior, o programa incluirá conferencias a cargo de prestixiosos profesores e investigadores, así como unha saída en barco con visita ao Castelo de San Felipe incluída, en cuxo patio terá lugar ademais o sábado 25 o acto de clausura.
“É opinión estendida que a sociedade española en xeral, e a ferrolá en particular, viven de costas ao mar, a pesar da súa proximidade. Nestas xornadas preténdese situalas fronte ao mar, para ter outra visión máis de preto de diferentes aspectos históricos da fonda relación da nosa terra co mar”, salientan desde a entidade universitaria.
O programa dará comezo o venres 24 ás 10.00 hora coa apertura das xornada á que media hora máis tarde seguirá a primeira das conferencias, titulada “El Golfo Ártabro, teatalidad del mar y naturaleza salvaje”, impartida por Víctor Alonso Troncoso.
Seguiralle a intervención de Fernando Patricio Cortizo, no seu caso para falar dos “Naufraxios desde o Golfo Ártabro á Costa da Morte ao longo da historia”. “Galicia e a súa proxección atlántica”, tema da charla de Miguel San Claudio Santa Cruz, e a que David Rodríguez López ofrecerá sobre “O nacemento do comercio no noroeste da península: fenicios, gregos e púnicos en busca das Casitérides” pecharán pola tarde a primeira das sesións do encontro. Ao día seguinte, o sábado, será o turno para gozar do paseo en barco pola ría e visitar a emblemática fortaleza ferrolá.
difusión
Ademais de converterse nunha actividade máis para os alumnos que forman parte da Universidade Senior, estas primeiras xornadas terán ademais as súas portas abertas ao público en xeral, achegando deste xeito á cidadanía a aprendizaxe que a Universidade da Coruña oferta ás persoas maiores de 50 anos que desexen acceder a un novo tipo de formación axeitada ás súas inquedanzas formativas e intereses culturais.
Os interesados en asistir ao encontro terán de prazo ata o vindeiro día 20 para formalizar a inscrición.
As prazas son limitadas e serán adxudicadas por orde de inscrición. Esta terá un coste de 8 euros para os alumnos e alumnas da Universidade Senior e 10 para o público en xeral.








