
Non está a ter moita fortuna a Feira do Libro de Ferrol coa chuvia, un elemento que está a condicionar o seu número de visitantes. Hoxe é a derradeira xornada, co protagonismo para dous autores ferroláns e o xogo do xadrez (por separado). A cita comeza ás 11.00 horas cun obradoiro de cociña con algas e especias a cargo de Carmen Freire.
Ás 12.00 horas, o ferrolán Antón Cortizas lerá varios textos de diversos libros seus, rematando cunha sinatura. Tamén ás 12.30 horas o escritor Henrique Dacosta asinará os seus traballos na caseta da librería Nobel. Ás 12.00 haberá unha exhibición de partidas simultáneas de xadrez, actividade que continuará xa pola tarde a partir das 18.30. Antes, ás 17.30, organízase un obradoiro de elaboración de gominolas naturais.
Por outra banda, houbo varias presentacións e sinaturas de libros a cargo de Paula Merlán, Juan Pablo Rodríguez e Concha Blanco, entre outros. Tamén a profesora Rosa Cal presentou o seu traballo sobre os feitos de marzo de 1972 acompañada da Manuela Santalla.








