
Insultos, ameazas e, ultimamente, tamén agresións. Estas son as coordenadas nas que adoitan traballar os días de marea as mariscadoras a pé de Mugardos, que desde hai tempo veñen sufrindo en vivo a presión abafante dos furtivos, transformada en episodios violentos e agresións como as que se viviron este verán no banco de A Barca, o máis produtivo de cantos explota o pósito de San Telmo.
“Non se pode traballar así”, denuncia a patrona maior, Teresa Carnero, farta xa non só de ver como as persoas sen permiso de explotación baixan á praia canda elas sen se inmutar, senón de ter que facelo con resignación e sen chiar para evitar que a tensión remate por estoupar e desencadene novos incidentes.
O certo, apuntan desde o pósito, é que a presenza dos mariscadores furtivos ten consecuencias non só para a integridade das propias socias da confraría, unha das máis avellentadas de Galicia, senón tamén para a propia viabilidade da agrupación e a sustentabilidade do recurso. Carnero láiase de que as persoas sen pérmex, teñan “totalmente arrasadas” autorizacións enteiras, como é o caso da propia Barca, na que, lembra, esta primavera se fixo unha semente de xapónica coas vistas postas no outono, mais que non pasou do verán pola intensidade coa que os furtivos traballaron no verán. Aínda máis; a súa acción ten provocado que o número de xornadas mensuais de faena, xa de por si escasas –dez no mellor dos casos– caera até un 40%, coa conseguinte repercusión nos seus xa modestos ingresos.
“Houbo mareas, principalmente as nocturnas, pois é cando están máis protexidos, de máis de 120 persoas metidas na auga, apañando todo o que poden, talla grande, mediana e pequena, sen importarlles nada”, apunta Carnero. Outras compañeiras da agrupación destacan a faciana máis violenta do furtivismo e o medo co que en moitas ocasións teñen que ir faenar ou, como é o caso, desenvolver os labores de vixilancia.
Este aspecto, o control por parte da Xunta, é clave para comprender o malestar das mariscadoras. Desde hai meses veñen denunciando o desleixo de Gardacostas, mesmo a inexistencia de operativos, unha dinámica que carga toda a responsabilidade no lombo do servizo de gardapescas da propia confraría, nestas últimas semanas reducido á metade pola baixa dun dos seus membros. Agora, unha soa persoa ocúpase da vixilancia entre A Barca e A Palma, demasiada extensión para dous únicos ollos.
mobilizacións
Cando a política da Consellería do Medio Rural e do Mar mudou e intensificouse o control no interior da ría, a finais de outubro, provocou un feito que alporizou aínda máis as mariscadoras: a saída á luz de máis dun cento de furtivos habituais dos bancos a pé da marxe norte da ría –O Couto, A Cabana e Caranza, principalmente– indignados pola presión que estaban comezando a sufrir por parte da Policía Autonómica nos operativos e polas dificultades de ir á marea e sacar uns cartos que levar a casa. Piden a habilitación de carnés para poder regularizar a súa situación, e a Consellería, aínda que sen recoñecelo –en maio hai eleccións–, vén de ceder parcialmente: logo de pasar anos rexeitando a proposta de da confraría de Ferrol alegando insuficiencia de recurso, en 2015 creará até 30 pérmex, máis dos que se solicitaron.
“Para nós é o colmo que protesten”, sinala unha das mariscadoras. “Entendemos que pidan un traballo –engade–, pero non pode ser a costa de llelo quitar aos demais”. Os mariscadores sen pérmex teñen insistido que eles non actúan nunca en Mugardos, mais a patrona maior da confraría refire un caso recente. Nos últimos meses principiou o proceso para cubrir as baixas por xubilación que se veñen producindo desde hai algún tempo. Hoxe non chegan ao medio cento. “Houbo dúas persoas que ían ao mar de furtivos e que logo de conseguir a praza renunciaron a ela porque tiñan que pagar as multas da súa actividade ilegal. Ti cres que con esta xente se pode ir a algún sitio?”, pregúntase a voceira do colectivo.




















