
O nacionalista Secundino García porase hoxe –12.00 horas– ao fronte da corporación municipal de San Sadurniño por tercer mandato consecutivo, o segundo con maioría absoluta.
Os resultados electorais están refrendado o seu traballo...
Respaldan o traballo que o BNG leva facendo nos últimos anos no Concello pero tamén é unha combinación dos proxectos e a idea de Concello que ofrecemos no noso programa electoral. A participación ten sido moi alta e iso lexitima aínda máis o respaldo que nos ofreceron os veciños nas urnas.
Tras oito anos no goberno ¿cales son os retos aos que se enfrontan nos próximos catro?
Seguir promovendo servizos de calidade e seguir mellorando as condicións de vida no concello de San Sadurniño a través de proxectos importantes como o do viveiro de empresas cuxa construcción xa foi adxudicada e vai levarse a cabo nos próximos meses. Outra das prioridades deste mandato será a aprobación definitiva do PXOM. Consideramos que a ordenación do territorio é fundamental, así como seguir prestando axuda aos que máis o precisan. O que pretendemos é que o Concello sexa un instrumento para mellorar a vida da xente.
Cales son os principais problemas a superar no municipio?
San Sadurniño ten un problema que é común ao resto dos municipios da bisbarra, que é un problema grande e non é competencia muncipal pero sí que cremos que dende o municipio se poden facer cousas por palialo como é falta de emprego e a consecuente marcha dos mozos. Ou revertimos esa situación ou o panorama non é nada esperanzador. Nos desde o Concello intentaremos por todo da nosa parte ao igual que viñemos facendo ata o momento.
Plantéxase un límite de anos para seguir na política?
Non vou entrar a valorar debates tan mediatizados coma eses. Eu pertenzo a unha organización democrática na que se elaboran as listas en base á vontade da maioría. É unha decisión que non depende única e exclusivamente da miña vontade seón do respaldo dun proxecto colectivo que é ao que pertenzo.