
Un total de 18 comercios do casco urbano de Pontedeume amosarán nos seus escaparates, ata o vindeiro 10 de marzo, as imaxes que compoñen a décimo cuarta exposición de fotografía familiar na comarca eumesa.
As imaxes son maioritariamente da vila, aínda que tamén as hai das Pontes, pois unha das profesoras que colabora coa iniciativa, Rocío Pena, traballa no CPI Monte Caxado. O resto do equipo fórmano Vicente Martínez (do IES Fraga do Eume) e Alexandre Caínzos e Dolores Fraga (bibliotecario e auxiliar).
As imaxes recóllense nos centros de ensino que colaboran e tamén na biblioteca municipal. Refírense a distintos aspectos da vida privada e social de hai anos. As fotografías convértense así nun importante documento para coñecer aspectos etnográficos e históricos e, de feito, pasan a formar parte dun arquivo que está dispoñible para tódolos investigadores que o requiran.
Recordos da vida familiar, da emigración, de traballos e oficios –moitos xa desaparecidos ou residuais–, momentos de ocio ou paisaxes rurais e urbanas compoñen este rico mosaico.




















