
O falecemento o pasado luns do escritor alemán Günter Grass aos 86 anos de idade está a provocar a lóxica reacción na prensa cultural de quen foi Premio Nobel de Literatura e viviu os seus últimos anos estigmatizado por un pasado adolescente nas Waffen-SS nazis, paradoxo para quen foi unha das conciencias intelectuais do seu país e da propia Europa das últimas décadas.
A enorme magnitude literaria do autor de “O tambor de folla de lata” está abeirando unha moi estimable faceta como artista plástico da que en Ferrol hai mostra. Así, unha das obras que compoñen as 558 de pezas do fondo gráfico do Centro Torrente Ballester é un gravado correspondente a Grass, titulado “Rodaballo” e creado no ano 1980. Trátase dun augaforte sobre papel, de 72,5x98,5 centímetros, e adquirido no ano 1984 polo Concello de Ferrol á galería Estiarte (hoxe Galería Pilar Serra) especializada en obra gráfica, para o Museo Bello Piñeiro. A ficha do concello valoraba naquela altura o grabado de Grass nunhas 60.000 pesetas (360 euros da época). Tiráronse 120 copias do debuxo, da que a ferrolá fai a 50.
creador total
O caso é que a obra que garda o fondo local fai referencia a un peixe moi relacionado coa obra literaria de Grass, xa que de feito a súa segunda novela máis coñecida foi precisamente “O rodaballo” (1977), simbólico animal coa capacidade de falar no que o autor sintetiza unha fabulación desatada.
Trala guerra, en 1948, Günter Grass ingresou na Academia de Belas Artes de Düsseldorf, onde foi esencialmente escultor aínda que tamén probou fortuna noutros campos creativos como o debuxo. De feito el mesmo aseguraba nas súas memorias que os seus poemas e debuxos estaban feitos coa mesma tinta.








