O documental “Yo decido. El tren de la libertad” estréase hoxe simultaneamente en case noventa cidades de España. Trátase dun traballo gravado durante unha sonada protesta que se levou adiante en Madrid o 1 de febreiro contra a anunciada reforma da actual Lei do Aborto e que partiu de Asturias por vía ferroviaria no que se chamou por iso “Tren da liberdade”. O Colectivo de Mulleres Cineastas contra a Reforma da Lei do Aborto, formado por máis de 80 persoas vencelladas ó audiovisual, plasmou en imaxes este movemento cívico e o resultado deste traballo chega hoxe ás pantallas. En Ferrol hai a posibilidade de velo ás oito da tarde no Ateneo Ferrolán, con entrada libre.
A produtora ferrolá Chelo Loureiro, unha das mulleres que forma parte deste Colectivo, denuncia as dificultades que teñen para acceder a lugares públicos e facer aí as proxeccións e tamén os intentos de manipular e politizar un traballo que dá testemuño dunha “resposta cívica” que abrangue moitas idades e colectivos. “A película recolle unicamente imaxes do que sucedeu na manifestación en España e en sete países máis”, explica. “Solicitamos permisos para a estrea en edificios públicos e en función da cor política nolo dan ou non nolo dan. O caso máis flagrante é o da Filmoteca Galega”. Loureiro denuncia que os políticos dispoñan arbitrariamente dos lugares públicos, “que son públicos, non deles nin de ningúnha cor. Paréceme inaudito que non se lle dea cabida a esta película”.
“Queren instrumentalizar un documental desde un punto de vista política pero nós queremos unicamente defender un dereito civil. Unha vez máis queren utilizar ás mulleres pero as mulleres de hoxe en día non estamos dispostas a ser manipuladas.”, explica Loureiro. Tamén por iso, por desvincularse de calquera sigla, néganse a aceptar os ofrecementos de partidos políticos para amosar o documental nas súas sedes. n








