
Que o rendemento académico das alumnas da Universidade da Coruña é superior ó dos seus compañeiros varóns en todas as ramas científicas, que as mulleres están en minoría no total do Persoal Docente e Investigador (PDI) da institución ou que o colectivo do Persoal de Administracións e Servizos (PAS) está “moi feminizado” son algunhas das conclusións que se poden extraer do Diagnóstico sobre a Igualdade de Xénero na UDC elaborado pola Oficina de Igualdade de Xénero da devandita institución.
A súa directora, Ana Jesús López Díaz, e a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Araceli Torres Miño, deron a coñecer onte –na Maestranza– un estudo que constitúe “o punto de partida para a elaboración dun plan de igualdade de oportunidades de-señado a medida para a Universidade da Coruña”. O traballo presentado comezou a realizarse no primeiro semestre de 2012 coa recollida de datos.
por Áreas científicas
No que atinxe ao colectivo do alumnado, ademais do xa sinalado aspecto do rendemento académico –as alumnas obteñen mellores cualificacións, máis premios extraordinarios ou constitúen o 55,6% dos titulados–, constátase unha “distribución moi equilibrada nas porcentaxes de homes e mulleres nos distintos graos académicos pero amosando unha clara segregación por sexo segundo a área científica”.
Así, entre as máis feminizadas figuran as de Ciencias da Saúde, onde o 82,1% son mulleres, mentres que no outro lado, nas máis “masculinizadas”, lideran o ranking as de Enxeñaría e Arquitectura (33,5% de alumnas). Das 32 titulacións que nestes ámbitos se ofertan na UDC, hai 20 onde a presenza de alumnos é superior ao 70% e dúas nas que esta cifra sitúase por riba do 90% (Grao en Enxeñaría Mariña, cun 92,7% e a diplomatura en Máquinas Navais, cun 98,5%). En estudos como os de Enxeñería Eléctrica ou Informática tamén hai poucas alumnas (entre o 12% e o 10%, respectivamente).
Por outra parte, Arquitectura ou Deseño Industrial teñen unha maior porcentaxe de alumnas con valores que acadan o 53% e o 52%, en cada caso. As Áreas de Ciencias, Ciencias Sociais e Xurídicas e Artes e Humanidades teñen unha presenza feminina maioritaria (entre o 60 e o 70%).
pdi
No tocante aos datos relativos ao colectivo do PDI, a pesar da minoría das mulleres no total, a distribución segundo área científica é paritaria agás en Enxeñaría e Arquitectura. A análise da distribución por categoría e sexo pon de manifesto, segundo se informou onte, “unha clara segregación vertical cunha proporción moito menor de mulleres nos postos máis altos da carreira universitaria. O perfil das profesoras da UDC é de menor idade que os homes”.
Por outra parte, é moi baixa a presenza de mulleres como coordinadoras de grupos de investigación ou directoras de tese de doutoramento, aínda que o éxito na consecución de sexenios é similar ao dos homes. Un dos datos que se achega deste colectivo é que na categoría de catedráticos/as de universidade só un 12,4% son mulleres, “porcentaxe inferior á media das universidades españolas, nun 15%”.
Pola súa banda, o colectivo do PAS está moi feminizado, situación común ao resto das universidades públicas do Estado. O PAS funcionario é maioritariamente feminino mentres que no laboral hai predominio masculino. Nos órganos de goberno e de xestión da UDC as porcentaxes varían en función dos mesmos.
Tamén se informou das accións que a UDC está a desenvolver para favorecer a visibilización do traballo e a investigación das mulleres, un aspecto no que, segundo se desprende do informe, “hai que traballar máis”.




















